Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Cineclub Bueu pecha o ano cun milleiro de espectadores e 13 filmes proxectados

O Cineclub Bueu proxectou ao longo de 2018 un total de 13 películas de cine internacional, galego e documental, ás que asistiron arredor de 1.000 persoas, acadando unha media de espectadores por sesión lixeiramente superior á do ano pasado. Algo máis do 50% dos filmes corresponderon ao ciclo Cinemas de Galicia, impulsado pola Axencia Galega das Industriais Culturais (Agadic) e o Concello de Bueu, no que se encadraron 7 dos títulos proxectados. A asociación vén de facer balance do exercicio na Asemblea Xeral de Socios, onde tamén se presentou o plan de actividades para 2019.

Neste senso, seguirase a pauta de deseñar unha programación o máis variada posible en canto a nacionalidade, xénero, duración ou antigüidade dos filmes, ofrecendo cando menos unha película ao mes e mantendo o horario dos venres ás 21 horas no Centro Social do Mar. Deste xeito, as sesións darán comezo o 11 de xaneiro con ‘Short term 12’ (‘As vidas de Grace’), unha historia de carácter social que se desenvolve arredor dun centro de acollida para adolescentes. O 1 de febreiro pasarase a traxicomedia ‘The Florida project’ e o programa do primeiro trimestre completarase o 8 de marzo con ‘A viaxe de Nisha’, unha sesión pensada para conmemorar o Día Internacional das Mulleres en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Bueu.

O Cineclub Bueu manterá asemade para 2019 a cota anual dos socios e socias en 15 euros, con opción de asociar a outros membros da familia por 6 euros máis. A renovación ou o novo carné, que dá acceso ás proxeccións a metade de prezo, poderán formalizarse na propia sesión do 11 de xaneiro ou contactando coa organización en cineclubueu@gmail.com, onde tamén poden consultar calquera dúbida ou animarse a colaborar co colectivo.