O Concello de Bueu convoca os Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo
-
O prazo de presentación dos traballos está aberto desde o 16 de novembro ata o 31 de xaneiro de 2019
-
Os premios están dotados con 1500 € en ambas categorías, amais da publicación do poemario por parte da Editorial Xerais
O Concello de Bueu vén de convocar os Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo, cuxo prazo de presentación estará aberto ata o 31 de xaneiro de 2019, e que contarán cun premio económico de 1500 € para ambas categorías amais da publicación no caso do de poesía, tal e como vén sendo habitual, por parte da Editorial Xerais.
As persoas que desexen participar poderán facelo a través de dúas formas: ou mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como se establece nas bases publicadas no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica e na páxina web do Concello de Bueu.
Estes premios naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, Juan Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, e tivo como gañadores na pasada edición a Daniel Asorey co poemario Transmatria, e na categoría de xornalismo, o galardón recaeu na reportaxe Corea do Norte: a vida dese outro lado, de Moncho Iglesias Míguez.
Con moita historia
O certame Johán Carballeira celebra este ano a vixésimo segunda edición na categoría de poesía e a décimo sexta na de xornalismo. Cunha gran historia ás súas costas, ao longo deste tempo ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás ou a Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Marta Dacosta, Lucía Novas, Pura Tejelo, María Reimóndez…
Convocatoria e bases XXII Premio Johán Carballeira Poesía
Convocatoria e bases XVI Premio Johán Carballeira Xornalismo