O Concello de Bueu abre o prazo para presentar propostas ao Regulamento de Voluntariado
-
As persoas, asociacións ou organizacións disporán de prazo ata o 25 de setembro para achegar as súas opinións
-
O Plan Normativo do Concello de Bueu para o 2018 establece que antes de crear ou modificar a normativa deberase realizar unha consulta pública previa
O Concello de Bueu traballa actualmente nas propostas de consulta pública de cara á creación de novos regulamentos e ordenanzas e na actualización dalgúns que quedaran obsoletos. Así, no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica publicouse esta semana un anuncio para que as persoas que o desexen poidan presentar propostas previas á elaboración e aprobación do regulamento para a creación dunha oficina de voluntariado.
Os cidadáns e cidadás, organizacións e asociacións disporán de prazo ata o 25 de setembro para achegar as súas opinións, o que poderán facer mediante a presentación da instancia “Participación na Elaboración de Normativa”, que se atopa no Catálogo de Trámites da sede electrónica do Concello de Bueu.
A aprobación deste regulamento é un compromiso adoptado pola corporación no marco do Plan Normativo para o ano 2018. Segundo iso, vanse actualizar os regulamentos de participación cidadá (o actual data de 1996), o regulamento orgánico da corporación (o actual aprobouse no 1985), a ordenanza de instalación de terrazas, mesas e cadeiras de hostalaría (a vixente é de 2012). Entre as novas normativas que se impulsarán están o regulamento para a xestión de autorizacións e cesións do uso de locais municipais a entidades cidadás, colectivos e partidos políticos, así como a ordenanza reguladora da administración electrónica.
Os obxectivos que se perseguen son aumentar a seguridade xurídica e facer predicible o ordenamento xurídico local, poñer en valor a normativa municipal mellorando a técnica de produción normativa, e facilitar o coñecemento das normas municipais, así como incorporar un modelo normalizado de consulta ou achega de suxestións por parte da cidadanía.