Unha trintena de nenos e nenas participaron no obradoiro de urbanismo ‘A vila do mañá’
- A actividade celebrouse esta semana e axudou á rapazada a reflexionar sobre o urbanismo desde unha perspectiva máis participativa
Arredor de trinta nenos e nenas de entre 5 e 12 anos participaron durante toda esta semana no obradoiro de urbanismo ‘A vila do mañá’ que culminou este venres e no que se reflexionou sobre outra forma de entender as vilas e os lugares que habitamos. Desde a concellaría de urbanismo, dirixida por Martín Villanueva, agradécese a colaboración dos pais e nais que decidiron apuntar á rapazada nesta actividade “cuxo obxectivo era impulsar a relación co patrimonio e o urbanismo desde as primeiras idades”.
O obradoiro estivo dirixido pola laureada arquitecta Sandra González Álvarez e o seu equipo ( PØSTarquitectos). Ao longo destes cinco días, traballáronse conceptos como a invasión dos espazos a través de xogos, marcos, espellos, liñas e cintas, elementos tridimensionais e globos, coa idea de que a vila sexa vista como un espazo para a cidadanía e non como unha ameaza, tal e como habitualmente acontece.
A iniciativa forma parte dun proxecto da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e baséase nas ideas de Francesco Tonucci, que relaciona a infancia co urbanismo e patrimonio das vilas, reforzando así o sentimento de pertenza e identidade co lugar, achegando tamén conceptos sobre planificación urbanística.