Bueu celebra este sábado a X Travesía a nado Udra-Pescadoira
O Concello de Bueu e o Club de Atletismo Corredoiras celebran este sábado, 14 de xullo, a X Travesía a Nado Udra – Pescadoira, que ten como obxectivo concienciar sobre a rexeneración deste último areal tal e como vén sendo habitual nos últimos anos. Precisamente este xoves foi a rolda de prensa para a presentación do evento, na que estiveron presentes Manolo Otero, concelleiro de deportes e Ricardo Verde, presidente do Club Corredoiras.
Ao igual que cada ano, haberá tres saídas diferentes, que variarán segundo a escolla do nadador/a. A primeira sairá ás 11.00 e ás 11.15 horas da praia de Ancoradouro, cunha distancia a percorrer de 7500 metros. A seguinte será dende Mourisca ás 12 horas, e consta de 4000 metros, e a última será dende a praia de Beluso ás 12.40 horas, e un percorrido de 1500 metros. En todos os casos, a meta será o areal de Pescadoira e participarán duascentas persoas (a maioría no primeiro itinerario).
A entrega de premios (só no caso do itinerario de 7500 metros) será só para os tres primeiros clasificados/as en feminino e masculino unha vez rematada a travesía. Ademais, os nadadores/as terán a posibilidade de recibir un avituallamento durante a realización da travesía.