Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Praza de Abastos de Bueu acolle a inauguración da campaña Quere o teu mercado

Un total de 86 prazas e mercados de toda Galicia súmanse este ano á campaña internacional «Quere ao teu mercado» que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, e que se celebra desde hoxe e ata o próximo 27 de maio. A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe na presentación desta iniciativa, nun acto que tivo lugar na Praza de Abastos de Bueu e no que estivo acompañada polo alcalde de Bueu, Félix Juncal Novas, polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas. Tamén acudiron os presidentes e representantes de Fepragal e doutras prazas de Galicia.

O alcalde bueués mostrou a súa satisfacción e orgullo porque este acto de inauguración fose celebrado en Bueu, onde temos unha Praza de Abastos que é destacable en toda Galiza, sobre todo polo seu horario de apertura de tarde. Pola súa banda, Vázquez explicou que a Xunta, no seu propósito de promover os mercados e prazas de abastos de Galicia, incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local e a profesionalidade e bo facer dos praceiros e praceiras leva a cabo, por cuarto ano consecutivo, esta actuación de carácter internacional de promoción dos mercados locais e prazas de abastos.

Deste xeito, baixo o lema «Preto do teu corazón», realizaranse ata o próximo 27 de maio unha serie de eventos nos mercados dos países e cidades participantes para intentar atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados de proximidade.

En colaboración coas asociacións e federacións de praceiros e praceiras, celebrarase, ademais, o Día do mercado, que, a proposta dos propios praceiros e praceiras, terá lugar o sábado 26 de maio. Entre as actividades e eventos propostos están as degustacións gastronómicas, showcookings ou obradoiros de cociña, concursos de tapas e exhibicións de pratos elaborados con produtos do mercado.

Tamén aproveitarán a campaña para converter as prazas de abastos e mercados en verdadeiros espazos de diversión con actuacións musicais de grupos tradicionais e locais, visitas guiadas para os escolares e outras actividades de ocio como sorteos e sesións de baile.

Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano únense Portugal e Brasil aos mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, China, Arxentina e Estados Unidos.

A información da campaña pódese atopar a través da páxina web http://www.quereoteumercado.gal/ ou ben a través do Facebook https://www.facebook.com/quereoteumercado.