Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu e o grupo parlamentar do BNG propoñen unha mesa por Ons

  • Permitiría abordar cuestións como o desenvolvemento do PERI e do ARI, un plan de mellora de servizos na illa e a titularidade das vivendas

O Concello de Bueu e o grupo parlamentar do BNG propoñen a creación dunha Mesa por Ons, que integre a todas as partes interesadas no futuro e na preservación da illa, espazo ambiental e patrimonial de enorme riqueza. A medida foi formulada na Comisión de ordenación territorial polo deputado por Pontevedra, Luís Bará, quen estivo este xoves na vila bueuesa para explicar os obxectivos desta mesa, xunto ao alcalde, Félix Juncal, ademais doutros membros do goberno local.

O alcalde salientou que se trata dunha iniciativa que avanza un paso máis na loita polos intereses dos veciños e veciñas da illa, e que permitiría abordar cuestións como o caso dos servizos básicos, o saneamento e  abastecemento, e a instalación eléctrica, sobre os que se teñen producido diversos debates entre a administración local e a autonómica (sobre todo, ata que o Valedor do Pobo comunicou que estes eran competencia da Xunta de Galicia).

Bará apuntou que “no BNG apostamos polo diálogo e pola colaboración e por iso propoñemos a creación desta Mesa por Ons integrada en primeiro lugar pola Xunta,  -que debe liderar porque ten competencias a través de distintas consellerías-, a segunda pata sería o Concello de Bueu, a terceira a Asociación veciñal que leva décadas reivindicando melloras nos equipamentos da illa e, finalmente, o padroado do Parque das Illas Atlánticas, que ten moito que dicir na xestión de todo o conxunto”.

Nesa Mesa por Ons, tanto o Concello de Bueu como o Bloque propoñen “abordar cuestións transversais como o desenvolvemento do PERI, -que debe ser o marco para todas as actuacións-, igualmente pode tratar todo o relacionado co ARI, un plan de melloras de servizos na Illa como o subministro eléctrico e de auga, así como estudar fórmulas para que as persoas residentes en Ons podan acceder a titularidade das vivendas, ademais de promover un turismo responsable neste enclave”, explicou Bará.

Para o deputado nacionalista, a creación desta Mesa por Ons sería un exemplo de diálogo e de colaboración entre institucións e serviría para deixar atrás o “sectarismo político” demostrado até agora polo PP co Concello de Bueu, ao que ignorou en todo o proceso de declaración do ARI da Illa de Ons.