Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu acolle a vindeira semana as xornadas da memoria

  • Os actos organízanse con motivo do cabodano do asasinato de Johán Carballeira, quen fora alcalde de Bueu antes do golpe do 1936, poeta e xornalista
  • O programa inclúe a exposición “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”, unha ofrenda floral no monumento de Johán Carballeira e charlas

A Asociación de Amigos de Johán Carballeira de Bueu, xunto ao Concello de Bueu e a Deputación de Pontevedra, poñen en marcha a vindeira semana unhas xornadas da memoria con motivo do cabodano do asasinato de Johán Carballeira, o que fora alcalde de Bueu antes do golpe de Estado do 1936, e que destacou tamén en eidos como a poesía ou o xornalismo. Por iso, e co afán de que non se esqueza a barbarie se organizan estas xornadas, cuxo programa foi presentado hoxe no 1º andar da Praza de Abastos polo concelleiro de cultura, Xosé Leal, e por Xosé Novas, secretario da Asociación de Amigos de Johán Carballeira.

De feito, os actos comezarán o luns na Praza de Abastos coa inauguración da exposición “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista” que foi un traballo da Deputación de Pontevedra e comisariado por Montse Fajardo e que se poderá visitar ata o 30 de abril. Nesta mostra, que xa viaxou por varios concellos da provincia, recóllense case oitenta fotografías que rescatan as historias persoais de 172 mulleres pontevedresas que sufriron a represión. O acto inaugural será ás 20.00 horas e contará cunha charla a cargo da xornalista Montse Fajardo, que ten investigado moito sobre a memoria histórica, e é autora de libros como Un cesto de mazás ou Matriarcas. Segundo Leal, “esta mostra recolle a represión que sufriron as mulleres, que ata nesta faceta foron esquecidas”.

O martes, 17 de abril, tamén ás oito da tarde, coincidindo co 81º aniversario do fusilamento de Carballeira, terá lugar unha ofrenda floral xunto ao monumento na súa honra que se atopa ao comezo da praia da Banda do Río.

E por último, o mércores será a quenda da presentación de Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, con Carlos Babío, coautor xunto a Manuel Pérez, deste libro publicado pola Fundación Galiza Sempre e que recolle unha investigación de máis de tres décadas arredor do espolio do Pazo de Meirás. As persoas interesadas poderán achegarse a partir das 20.00 horas ao 1º andar da Praza de Abastos. En palabras do concelleiro e tamén deputado, “vai ser unha presentación do proceso que supuxo o roubo do patrimonio aos galegos e galegas por parte do franquismo”.

A Asociación de Amigos de Johán Carballeira organiza este evento un ano máis para velar polo recoñecemento da memoria histórica das vítimas do 36. Desde a súa creación no 1996, levaron a cabo unha enorme e recoñecida labor no terreo da recuperación da memoria das vítimas do franquismo no noso municipio.

 

 

A exposición “Rexas” e as mulleres represaliadas en Bueu

En total, a exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. Está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tuteladas por varón, igrexa ou a sección feminina.

A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.

Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.

No caso de Bueu, na mostra represéntanse a Teresa López González, quen foi mestra e sufriu pola súa simpatía coa República varios rexistros no fogar, sendo suspendida de soldo e emprego malia que o seu bo facer na escola fose recoñecido ata polo xefe local da Falanxe. Tamén aparecen as fotografías doutras dúas mulleres rapadas, caso de Carmen Gil, quen estivo presa máis dun mes na Audiencia Nacional, e Ramona Gutiérrez. Como ben salientou, Xosé Novas, “moitas das mulleres aquí representadas estaban vinculadas co mar, e unha gran parte foron sindicalistas e traballadoras da conserva”.