As Illas Ons acollen o primeiro curso de kayak de mar para instrutores ACA
A actividade, na que participarán quince persoas de diversas nacionalidades, comeza este sábado e durará unha semana
A Illa de Ons, símbolo perfecto de combinación entre a natureza e o mar, será o escenario do curso de Kayak de mar para instrutores ACA, que se celebrará entre o 10 e o 19 de febreiro e que será o primeiro de España destas características. Así o anunciaron na rolda de prensa, celebrada esta mañá no salón de plenos do Concello de Bueu, os impulsores deste proxecto, concretamente, María Teresa Gil, presidenta do Club de Kayak de Bueu, Alberto Rocha, membro do Club, Tom Nickels, instrutor da escola estadounidense ACA (American Canoe Association), Carlos López, de Kayak Spain, que estiveron acompañados de Félix Juncal, alcalde de Bueu, e de Manolo Otero, concelleiro de deportes.
O curso será impartido por un dos maiores instrutores de ACA, e o Club Kayak de Bueu contará co distintivo de primeira escola destas características en España, no que será un “proxecto de longo percorrido”, tal e como o cualificaron dende o Club bueués. Neste primeiro curso quince persoas de diversas nacionalidades terán a posibilidade, ou ben de certificar as habilidades de Kayak de mar, ou ben de titulárense como monitores nesta disciplina. Así, o obxectivo non é outro que formar a profesionais da man dunha das asociacións máis antigas no mundo do Kayak, como é ACA, creada no 1880.
Esta actividade, que conta co apoio de varias entidades, entre elas do Concello de Bueu, propón “coñecer un espazo tan marabilloso como é a Illa de Ons, así como formar a persoas na disciplina do Kayak de mar, algo moi novidoso”, lembrou o concelleiro de deportes.