A xunta de goberno de bueu aprobou diversas obras e contratacións
A xunta de goberno de bueu aprobou diversas obras e contratacións
A Xunta de Goberno Local de Bueu aprobou este luns a adxudicación do contrato da obra de acondicionamento da Praza Massó á empresa Rocas Graníticas del Condado S.L. Esta actuación, con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, foi adxudicada por un importe de 48.375,80 €, IVE incluído, e suporá a rehabilitación deste lugar coa instalación dunha fonte de iluminación LED e un sistema de xogo. O espazo ocupado pola fonte será de aproximadamente 7,00 m x 7,40 m.
Tamén se aprobaron as propostas relativas ao requirimento previo á adxudicación de pavimentación de camiños dos lotes 1,2,3 e 4, equivalentes a Meiro – Outeiro, Costiña, Vilar, Sar, tamén con cargo ao Plan Concellos 2017. Concretamente, no primeiro requeriráselle a Marconsa, que presentou unha oferta de 72829,74 €; para o da Costiña, a Obras y Viales Cerne, cun orzamento de 36179 €; para Vilar, Construcciones EC Casas, por importe de 21610,98 €; e para o de Sar, Fontefría SLU, cunha oferta de 21805,95 €.
Así mesmo, acordouse realizar un requirimento a Dismac SL, empresa á que se lle vai adxudicar a dotación de mobiliario xeral para o servizo de actividades municipais, con cargo ao Plan Concellos 2017. En concreto, solicitaranse cadeiras de diversas características, mesas polivalentes rectangulares e pregables rectangulares, armarios con portas baixas e mobles vitrina. O proxecto tamén establece a necesidade de contar con diversos complementos e aparatos electrónicos, como dous xogos tradicionais de chave, catro xogos de petanca, catorce espellos icoloros, seis antenas de televisión, seis televisores, cinco pizarras laminadas móbiles e unha interactiva con rodas, un soporte móbil para pizarra dixital e un proxector de curta distancia.
Subvencións de contratación de persoal
No marco dos programas de emprego municipais, leváronse á Xunta de Goberno tres propostas para a solicitude das subvencións para contratación de diverso persoal, como é a adhesión ao Plan de Emprego para a conservación e funcionamento dos servizos municipais, da Deputación de Pontevedra. Con cargo a esta subvención, vanse contratar trinta traballadores, distribuídos da seguinte forma: quince peóns de limpeza, seis peóns forestais, un oficial de carpintaría, un oficial electricista, dous oficiais de xardinaría, catro auxiliares administrativos, e un monitor deportivo.
Así mesmo, con cargo ás subvencións para contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), a cinco persoas serán contratadas por un período de sete meses como peóns de obras e servizos varios.
E por último, tamén se aprobou a solicitude de subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación de trece socorristas para o Servizo de socorrismo en praias, dentro da liña de protección civil e seguridade das persoas e bens, para os tres meses da tempada estival.