A Biblioteca Municipal Torrente Ballester recibe a visita do CEIP da Torre Cela
- O alumnado puido coñecer as diversas salas, como a aula infantil, o arquivo e mesmo a terraza exterior
A Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu, que recentemente vén de rematar as obras de mellora e ampliación, recibiu este mércores a visita de varios grupos do CEIP Plurilingüe A Torre Cela. O bibliotecario municipal acompañou á cativada aos diversos espazos dende o andar inferior, co salón de actos, ata as outras salas como o espazo para o arquivo, a aula infantil, o depósito de libros e a terraza exterior na que se sitúan as placas solares.
Na visita estiveron presentes tamén Carmen García, concelleira de cultura e infancia e mocidade, e Alberto Moital, edil de patrimonio. Dende o goberno móstrase unha gran satisfacción de que os centros educativos da vila se animen a coñecer a biblioteca para gozar das súas prestacións. De feito, antes do Nadal o alumnado do CEIP A Pedra infantil xa realizou unha visita.
Con estas actividades preténdese achegar ás persoas máis mozas á biblioteca situada no Parque Ramal dos Galos e na que se acometeu unha obra de mellora de máis dun millón de euros que a converten nunha gran infraestrutura adaptada aos novos usos deste século.