Festa Sala Paraíso
Evento xa rematado
-
Data
14 diciembre, 2024
-
Hora
10:00 pm - 12:00 am
- O evento será na carpa de As Lagoas a partir das 22 horas e nel haberá lembranzas e música daqueles anos da Sala
O Concello de Bueu organizará este sábado, 14 de decembro, unha gran festa en homenaxe á Sala Paraíso, un dos locais nocturnos máis míticos e con máis historia da vila. O evento está programado na carpa de As Lagoas a partir das 22 horas e nel haberá música, servizo de barra e moita diversión.
A festa do sábado pretende ser unha recreación e unha lembranza a esta Sala situada na rúa Santán e que pechou as súas portas no 2004 logo de décadas de actividade e sendo o lugar de ocio de varias xeracións tanto da vila como da contorna.
O evento do Concello faise coincidir coas próximas obras de demolición deste emblemático espazo que se destinará á construción dun edificio. A festa é un convite para que todas as persoas saquen as roupas da época do armario. Para iso na carpa haberá elementos que recordan a sala, e contarase coa participación e dous dos últimos DJs, Roberto Pousada e Santiago Dopazo.
A Sala Paraíso e a súa historia
A Sala Paraíso, situada na rúa Santán, naceu no 1947 e estivo en activo ata o 2005, cando pechou definitivamente as súas portas. Por ela pasaron as grandes voces da época do pop e rock español, cunha especial popularidade entre os anos 60 e 80. A Sala ten as súas orixes nun local de baile co mesmo nome que se situaba na zona da Graña e do que se ten constancia xa dende comezos do século XX.
Segundo destaca Fernando Omil, da familia da Sala, o seu nome nace dunha planta coñecida como “Ave do Paraíso” que había naquela época na zona da Graña cando os seus bisavós fundaron o local.
Na Sala Paraíso actuaron grandes voces de todos os tempos como Manolo Escobar, Víctor Manuel, Julio Iglesias, Juan Pardo, Los Pecos, Los Ángeles, Los Ilegales ou Manu Chao, e froito diso hai un monte de anécdotas.