O Concello acendeu as luces de Nadal con chocolatada e música no Parque Ramal dos Galos
- Ao acto deste xoves asistiron o alcalde e outros concelleiros e concelleiras da corporación, ademais de veciños e veciñas
O Concello de Bueu inaugurou este xoves, 5 de decembro, o alumeado de Nadal na vila, e fíxoo cun acto lúdico e festivo no Parque Ramal dos Galos ao que asistiron o alcalde e membros da corporación, e tamén diversos veciños e veciñas que compartiron un rico chocolate quente.
O parque elixido é un dos epicentros da iluminación deste ano, e por iso de colocou a figura dun óso de tres metros de altitude, coa idea de as persoas poidan facer fotos a modo de photocall. Así mesmo, o espazo tamén conta con diversas luces luminosas, para revitalizar unha zona na que se vén de reformar a Biblioteca Municipal Torrente Ballester.
O outro dos epicentros será a árbore xigante que loce na Praza Massó, moi preto da Casa do Concello, e por suposto o Estaleiro de Purro, que foi unha das grandes apostas dos últimos anos.
Segundo destaca Carmen García, concelleira de cultura, “a decoración e iluminación mantén a esencia de anos anteriores pero reforzando algunha zonas”. Para iso completouse o material instalado pola empresa contratada, Gildo Sonido, con outros elementos adquiridos polo Concello tanto o pasado ano coma este, caso de bólas luminosas ou letreiros de “Bo Nadal”, que se colocaron no Alto da Portela, na recta do Peón (Beluso) e na Avenida de Loureiro. Ademais, hai un total de 55 arcos LED e 27 con motivos luminosos para as farolas, así como unha ducia de arcos luminosos e tiras LED para potenciar a Praza Massó, a contorna de As Lagoas, a rúa Eduardo Vincenti ou o xa citado Parque Ramal dos Galos.