O Concello de Bueu organiza este sábado unha festa dos anos 90 na carpa de As Lagoas
- O evento desenvolverase a partir das 23 horas con DJ Moe e tamén haberá servizo de barra e zona gastronómica
O Concello de Bueu organiza este sábado, 30 de novembro, unha Festa dos Anos 90, que terá lugar na carpa de As Lagoas. O evento nace coma unha proposta de dinamización cultural e co obxectivo de encher a carpa de propostas de actividades para todas as idades. Despois do éxito dos mercados ecolóxico e de Nadal nas fins de semana anteriores, continúase agora con esta proposta na mesma zona.
A festa estará amenizada por DJ Moe a partir das 23 horas, aínda que xa dende as 22 horas haberá música ambiente, posto que tamén se contará con servizo de barra e zona gastronómica con establecementos da vila co fin de que as persoas asistentes poidan comer e beber na propia carpa.
O evento concíbese coma unha fórmula de incrementar as alternativas de ocio nestas datas previas ao Nadal, e tamén pretende dinamizar o tecido hostaleiro.
Esta festa temática continuará na liña da dos anos 80 que se organizou no Entroido deste ano con gran acollida por parte da cidadanía.
Dende o consistorio anímase a toda a cidadanía a participar no evento e a vir vestidos de época.