O Concello de Bueu avanza na redación do I Plan de igualdade de persoal
- Esta semana reuniuse a Comisión Negociadora de Igualdade para presentar os resultados diagnósticos do plan e proximamente abordarase o texto definitivo
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu esta semana unha nova reunión da Comisión Negociadora de Igualdade, que é o órgano competente para a elaboración do I Plan de Igualdade do persoal, co obxectivo de formalizar e regular as pautas de traballo, competencias e funcións que van rexer o deseño, desenvolvemento e posterior seguimento e avaliación do documento. Na xuntanza participaron Laura Ogando, concelleira de igualdade e benestar social, Montserrat García, directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), así como representantes sindicais. Nesta reunión deuse conta do informe de resultados diagnósticos de dito texto así como a presentación e debate do borrador de protocolo antiacoso laboral, sexual e por razón de sexo. No vindeiro encontro presentarase o texto definitivo para a avaliación pola Comisión de Igualdade, paso previo a aprobación polo Pleno municipal.
Con este instrumento, o Concello de Bueu pretende cumprir co artigo 33.1 do RDL 5/2015, da Lei do Estatuto Básico dos Empregados Públicos e na Lei 3/2007, e con el conseguirase avanzar na aplicación da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, que é unha das reivindicacións que levan a cabo na concellaría de igualdade. Basicamente, o que se está facendo dende a Comisión é negociar e deseñar o diagnóstico e as medidas que integrarán o Plan de Igualdade, elaborar o informe dos resultados do diagnóstico, identificar as medidas prioritarias, definir os indicadores de medicións e os instrumentos de recollida de información necesarios para o seguimento e avaliación do cumprimento do plan, así como impulsar as primeiras accións de información e sensibilización do persoal.
Este sumaríase ao resto de plans que o Concello ten en vigor en materia de igualdade, caso do V Plan de igualdade entre homes e mulleres ou o Plan de Erradicación da Violencia de Xénero.