Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu aproba por unanimidade solicitar a unificación dos cursos de infantil de A Pedra cos de primaria

  • A proposta, presentada polos grupos do goberno de BNG e PSOE, propón xuntar o módulo de infantil cos de primaria por razóns de seguridade e de economía de medios
  •  A moción do PP sobre a mellora nos aparcadoiros non saíu adiante ao contar cos votos en contra de BNG e PSOE

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de novembro, na cal se aprobou por unanimidade unha moción para a unificación dos cursos de infantil do CEIP Plurilingüe A Pedra cos de primaria. A proposta, que foi presentada polos grupos do goberno (BNG e PSOE), toma o espírito da que xa se aprobara en 2014 e reclama que a Consellería de Educación leve a cabo as xestións para que o alumnado se concentre nun só centro. O colexio de A Pedra imparte formación para alumnado de infantil e primaria nunha única unidade administrativa, mais en dous edificios diferentes emprazados en parcelas separadas entre si. Neste momento hai un total de 94 nenas e nenos no edificio de infantil que non conta na instalación nin con espazo para o comedor nin zona exterior pechada para os recreos dos días chuviosos. Ademais tampouco dispón de persoal administrativo nin de conserxería específico para estar fisicamente na totalidade do horario escolar, xa que o titular deste posto divide as súas funcións entre este edificio e o centro de primaria da rúa A Pedra. O alumnado ten que desprazarse empregando o autobús para facer uso dos servizos de Plan Madruga e comedor, con toda a problemática que isto supón nos días chuviosos e de custo ambiental e económico, ademais de non ter acceso a servizos como a biblioteca nin contar cun ximnasio dun tamaño axeitado.

Tamén se ve condicionada a práctica e a convivencia docente con esta duplicidade de espazos, sobre todo no caso do profesorado para as materias específicas como para o persoal de orientación e coidados especiais que se comparten nos dous edificios. O caso das familias con varios fillos e fillas no mesmo centro e en diferentes etapas escolares tamén se ve afectado pola situación actual en cuestións como a deixada ou recollida nos dous espazos. Na actualidade, e no suposto que tecnicamente o espazo actual non permita a ampliación tamén cabe a posibilidade de que se destinen terreos anexos ao actual centro que teñen a cualificación urbanística axeitada, e os cales o Concello tamén se comprometería a pór a disposición da Xunta os terreos.

Xosé Leal, voceiro do BNG, apuntou que “cremos que é hora de que a Consellería se poña xa as pilas nesta petición que vén de hai anos, e de que tamén se arranxe o colexio de A Pedra”. Elena Estévez, dende a bancada do PP, mostrou o seu apoio pero solicitou que se emendase a moción, polo que que se acordou solicitar que a Consellería faga unha valoración técnica dese traslado e proxecto, e que conte co apoio do Consello Escolar do centro. Finalmente, e con eses matices, a moción aprobouse por unanimidade.

Non foi o caso da anterior proposta, que presentou o PP e que facía referencia á mellora dos aparcadoiros. Nela instábase ao goberno local a establecer un modelo de contrato de cesión ou arrendamento de uso de terreos para destino temporal provisional de aparcadoiro público no que se establezan a parcela, o número de metros cadrados, o tempo de cesión ou arrendamento, as obras e actuacións que se poderán desenvolver etc. Así mesmo, tamén se solicitaba ao goberno local a establecer sinalización vertical para informar sobre a situación dos aparcadoiros públicos. A voceira Estévez defendeu que “é importante regularizar os modelos de cesión con particulares, nos que se indiquen as condicións, as obras que se poden facer nos espazos e todas as demais características”. A continuación interveu Isabel Quintás, voceira do PSOE e tenente de alcalde, quen salientou que “cada contrato é un acordo concreto cos propietarios e as condicións establécense segundo as necesidades de cadaquén, polo que imos votar en contra”. O voto negativo tamén foi anunciado por Xosé Leal, en representación do BNG, quen explicou que “o goberno local leva feito un gran traballo pola consecución de aparcadoiros, o que fai que hoxe teñamos trece espazos para estacionar coa súa correspondente sinalización”. A moción non prosperou, ao contar soamente cos votos a favor do PP, e en contra de BNG e PSOE.