Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu contratará tres persoas en prácticas co Plan + Emprego

  • Os perfís seleccionados son técnico/a administrativo, un graduado/a en traballo social e outro en xestión e administración públicas
  • Con este persoal reforzaranse tres dos departamentos con máis atención directa coa cidadanía

O Concello de Bueu, a través da concellaría de emprego, vén de presentar a solicitude de subvención para contratar tres persoas en prácticas no Plan + Emprego da Deputación Provincial de Pontevedra. Segundo avanza Silvia Carballo, concelleira da área, “a través desta contratación agardamos reforzar certos servizos para mellorar a atención á cidadanía, ao tempo que ofrecemos a oportunidade a que tres persoas coñezan de preto o funcionamento da administración”.

O primeiro dos perfís seleccionados é un técnico/a administrativo, que se destinará ao departamento de Rexistro e Estatística, que viron incrementado o seu traballo na última década coa posta en marcha da administración electrónica. Para Benestar Social virá unha persoa graduada en traballo social, que reforzará un departamento moi importante para o Concello, pois nos últimos anos “levamos a cabo unha forte aposta polas políticas sociais e igualdade, co que se mellorará a vida da cidadanía, e co que agardamos ir un paso máis alá”. E a última escolla será un graduado/a en xestión e administración públicas, que realizará o seu traballo no departamento de Intervención, Tesourería e Recursos Humanos.

As persoas comezarán a traballar en outubro, logo de que a Deputación de Pontevedra leve a cabo o correspondente proceso selectivo, e terán por diante un ano para coñecer a administración e desenvolver os seus traballos, ao tempo que axudan aos departamentos a ter un mellor funcionamento e a paliar algunhas das eivas dos últimos anos.

Así mesmo, dende o Concello continuase avanzando na convocatoria dos procesos selectivos dos postos estruturais como o técnico/a de administración xeral para o departamento de Secretaría, a creación dunha bolsa de emprego de arquitecto/a técnico/a, e as promocións internas para reforzar a estrutura propia do Concello.