O Concello de Bueu amplía os aparcadoiros públicos de cara este verán
O Concello de Bueu ampliará o mapa de aparcadoiros públicos para este verán. Así se anunciou despois da reunión mantida esta semana entre o alcalde, membros do goberno local e o xefe da policía local, na que se preparou o plan de tráfico para os próximos días coincidindo co Festival Sonrías Baixas e se presentaron os novos aparcadoiros que estarán operativos estes días.
Logo de varias semanas de xestión con diversos propietarios para conseguir algúns terreos, Félix Juncal destaca que “garantiremos que a veciñanza local poida aparcar os seus vehículos sen dificultades, ademais de dar cabidas ás persoas que nos visitan diariamente máis nesta época estival”. As novas áreas de estacionamento provisional estarán situadas enfronte da piscina municipal e xusto detrás do skate park, na zona de As Lagoas; na rúa A Pedra, onde xa existe un preto do IES Illa de Ons e no pavillón, e que sumará unha nova zona na que existen varias infraestruturas educativas, deportivas e o Centro de Saúde. Nestas áreas levaranse a cabo unhas actuacións de posta a punto e reforzarase a sinalización para que a cidadanía poida ver todas as áreas de aparcadoiro e saber onde están situadas.
Dende a Alcaldía agradécese a todas as persoas propietarias pola súa colaboración á hora de ceder estes espazos para aparcadoiros e máis nunha época como a estival cun gran incremento de poboación visitante, e anuncia que se continúa en conversas para poder habilitar máis.
Ademais destas novas áreas, o consistorio anuncia que durante o festival Sonrías se manterá aberto o aparcadoiro de As Lagoas, situado en pleno casco urbano e moi utilizado pola veciñanza. Así mesmo, lémbrase que o Concello dispón doutros aparcadoiros que tamén se están adecentando, como o situado en Pescadoira, o da zona do Norte, os dous de Pazos Fontenla, ou o da rúa Castelao, ademais dos portuarios. Así mesmo, tamén se vai arranxar a área de caravanas de Achadiza, cuxa obra se adxudicou a E.C.Casas e que servirá para que as persoas poidan ir con caravanas ou furgonetas camperizadas a este espazo que xa conta con servizo de baleirado de augas grises e cunha billa de auga.