Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Sala Amalia acolle a exposición ‘Orgullosos do noso’ de visibilización de deportistas na vila

  • Salvador Santos, máis coñecido como ‘Charri’, é o autor das fotos e inaugura a mostra este venres, nun acto que terá lugar ás 20.30 horas

A Sala Amalia Domínguez Búa acollerá entre o 12 e o 25 de xullo a exposición «Orgullosos do Noso», de Salvador Santos ‘Charri’. O acto inaugural será este venres 12 ás 20.30 h na propia Sala.

Na mostra poderase ver unha panorámica dos e das deportistas de Bueu que están acadando éxitos e premios nas diversas disciplinas, como fútbol, taekwondo, natación, fútbol sala, hípica, tiro con arco, loita, remo etc. Salvador Santos traballou durante máis dun ano na realización das fotografías a moitos deportistas da vila, sobre todo de idades cativas, e a través delas pretende ensinar que a vila bueuesa conta cun enorme talento deportivo e cun gran futuro, ademais de visibilizar as diversas disciplinas, moitas delas aínda descoñecidas pola maior parte da poboación.

Salvador Santos, ‘Charri’, naceu en Bueu no 1953 no seo dunha familia mariñeira humilde. De neno empeza a traballar na pesca de baixura ao cerco no barco ‘Cabilla” co seu pai. Posteriormente foi marmitón ao bacallau e aí empeza o seu percorrido polos diferentes caladoiros Grand Sole, Nova York, Canarias, Sudáfrica, Arxentina… Despois dunha vida dedicada ao mar, no 2007 xubílase e mantén unha vida activa, adentrándose dende hai uns anos na fotografía afeccionada, e organizando diversas exposicións tanto conxuntas como individuais, caso de “Mariñeiros. A memoria do sal” do colectivo Abrenoite sobre a memoria mariñeira, ou “Esenciais”, na que retratou a persoas de Bueu que foron indispensables durante a pandemia. Agora segue a reivindicar o presente de Bueu a través da mostra sobre deportistas.