Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu e Luzada Social poñen en marcha no IES Johan Carballeira o proxecto «Tecendo Redes» de intervención na adolescencia

  •  “Tecendo Redes” destaca desenvolvemento integral do alumnado, promovendo tanto o intelecto como o benestar emocional
  • Este innovador proxecto piloto, que continuará en setembro, incluíu tanto intervencións individuais como un obradoiro de formación en convivencia positiva para alumnado acompañante

O Concello de Bueu, a través da concellaría de Benestar Social, puxo en marcha durante este curso o proxecto piloto “Tecendo Redes”, que se levou a cabo no IES Johan Carballeira da vila por parte do persoal técnico de Luzada Social, e no que se propuxeron intervencións na adolescencia, que é unha etapa crucial para o desenvolvemento persoal.

Este innovador proxecto, que continuará en setembro, constou de dúas partes diferenciadas: intervencións individuais e colectivas, que consistiu nun obradoiro de formación en convivencia positiva para alumnado acompañante.

Intervencións individuais

O obxectivo principal das intervencións individuais foi a identificación e abordaxe de posibles factores de risco individuais, sociais e ambientais, especialmente intensificados durante a adolescencia, etapa crucial para o desenvolvemento persoal.

En total realizáronse 15 intervencións individuais seguindo un enfoque sistémico, que permitiu identificar factores de risco a nivel persoal e no contorno de cada adolescente. Creouse un ambiente de escoita e apoio, establecendo un espazo seguro e adaptado ás necesidades de cada mozo/a, promovendo o seu benestar emocional. Nos casos en que foi necesario, impulsouse a cooperación entre pais, persoal educativo e servizos sociais, garantindo un apoio integral e cohesionado.

Intervención Colectiva: Obradoiro de Formación en Convivencia Positiva “Alumnado acompañante”

Cun grupo de 9 alumnos de 3º da ESO realizáronse 6 sesións semanais dunha hora. O “Alumnado Acompañante” actuou como axente prosocial no centro para favorecer a convivencia positiva, detectar conflitos, apoiar aos compañeiros e colaborar co profesorado para mellorar a convivencia no centro. Os obxectivos deste obradoiro incluíron a formación na escoita activa e na resolución de conflitos, a promoción da detección precoz da angustia emocional e o fortalecemento da resiliencia, a empatía e a comunicación entre o alumnado.

O obradoiro de Convivencia Positiva conseguiu con eficacia os seus obxectivos, desenvolvendo nos participantes habilidades esenciais para a resolución de conflitos, a escoita activa e a empatía. O alumnado amosou un notable interese e compromiso coas actividades propostas, afirmando que o aprendido será moi útil no seu día a día, tanto dentro como fóra do instituto.

Un proxecto de enfoque holístico

“Tecendo Redes” destaca polo seu enfoque holístico, coordinando esforzos entre o centro educativo e os Servizos Sociais. Reflicte o compromiso do Concello de Bueu, e do IES Johan Carballeira coa saúde mental e o desenvolvemento integral do seu alumnado, promovendo tanto o intelecto como o benestar emocional.

Este proxecto piloto supuxo un paso crucial para mellorar o apoio aos e ás adolescentes, ofrecendo intervencións personalizadas e fomentando unha comunidade educativa máis unida e comprometida co benestar do seu alumnado.