Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu inicia esta fin de semana a tempada de traiñeiras co Campionato Galego

  • O peirao da vila acollerá o sábado a partir das 17 horas as probas clasificatorias e o domingo ás 11 horas serán as finais
  • Agárdase a participación dunha trintena de clubs de toda Galicia, e de aquí sairán os clasificados para o Campionato de España de Traiñeiras

Bueu dará o pistoletazo de saída á tempada de traiñeiras coa celebración esta fin de semana do Campionato Galego de Traiñeiras, que encherá o peirao da vila con máis de cincocentos remeiros ao disputárense as probas das categorías de veteráns feminino e masculino, e absoluto feminino e masculino. Este xoves celebrouse a rolda de prensa de presentación con todos os representantes da organización: Félix Juncal, alcalde da vila, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Javier Pazos e Valente Campos, da directiva do Club do Mar Bueu Simei, Daniel Benavides, Xefe do Servizo de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia e Juan Zunzunegui, vicepresidente da Federación Galega de Remo.

A organización agarda a participación dunha trintena de embarcacións dos clubes de toda Galicia. Segundo os datos da Federación Galega de Remo, en absoluto masculino, haberá barcos de CR Cedeira, CR Urme, CR Narón, CR Mecos, CR Chapela, CM Bueu, SD Samertolameu, CM Mugardos, CR Puebla, CCD Cesantes, CR Rianxo, SD Tirán, CR Ares, e CR Cabo de Cruz; na absoluta feminina, estarán o CCD Cesantes, CR A Cabana- Ferrol, SD Tirán, CR Rianxo, CR Chapela e CR Cabo de Cruz; en veteráns masculino, CCD Cesantes, CR Rianxo, CR Chapela, SD Samertolameu, AD Esteirana, CR Muros, CR Vila de Cangas e CR Cabo de Cruz; e en veteráns feminino, CR Cabo de Cruz e CR Puebla.

O alcalde, Félix Juncal, destacou que “para Bueu é un pracer acoller por primeira vez este campionato galego, o que refrenda a nosa aposta polos grandes eventos deportivos”. Así mesmo, Juncal fixo fincapé en que “isto confirma, unha vez máis, a boa saúde dos clubs deportivos da vila”.

Dende a Federación Galega de Remo, Juan Zunzunegui, salientou que “é unha regata coa que comeza a tempada de traiñeiras, e da que se clasificarán os clubs que irán ao Campionato de España que se celebrará á seguinte fin de semana en Donostia”. Pola súa banda, Daniel Benavides, deu os parabéns ao club “por facer historia e converterse no primeiro club que vai asinar un contrato de patrocinio coa Xunta de Galicia pola participación na Liga ACT e sendo o único de Pontevedra nesta competición”. Así mesmo, tamén destacou que “esta regata é unha boa oportunidade para que os remeiros e remeiras se avalíen de cara á tempada que comeza”.

O campionato comezará o sábado, 8 de xuño, ás 17 horas coas probas clasificatorias, nas que se practicará a modalidade contra reloxo, a dúas rúas e saíndo os equipos de dous en dous e de minuto en minuto. Para a orde de saída tomarase a clasificación nas diversas Ligas de Traiñeiras na tempada anterior e no caso dos veteráns terase en conta a clasificación na correspondente na liga a 2 de xuño deste ano. Para a xornada final, que se celebrará o domingo ás 11 horas, clasificaranse os catro equipos que fagan o menor tempo en cada unha das categorías. Neste caso, as regatas serán en liña, a catro rúas, e en quendas non lanzadas.

O percorrido irá dende o peirao de Bueu ata a praia de Portomaior e as distancias variarán segundo a categoría: 2.778 metros para os veteráns e 5.556 metros para os absolutos.