Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu recibiu aos xogadores da ADFS Bueu para celebrar o seu ascenso á 3ª división

O Concello de Bueu acolleu este martes, 4 de xuño, aos equipos senior e xuvenil masculino da Agrupación Deportiva de Fútbol Sala Bueu (ADFS Bueu), que recibiron os parabéns do consistorio polos últimos éxitos deportivos acadados no fútbol sala.

O acto tivo lugar pola tardiña no salón de plenos do Concello, e nel estiveron presentes Félix Juncal, alcalde da vila, e outros concelleiros e concelleiras da corporación, quen lles entregaron aos mozos unhas medallas conmemorativas tanto aos seniors polo ascenso á 3ª división, como aos xuvenís que ascenderon dende a primeira autonómica á Liga Galega.

O rexedor desexoulles aos xogadores que “oxalá sigades competindo como ata agora, e vivades o deporte e a vida coma unha paixón”. Así mesmo, aproveitou a ocasión para darlle os parabéns á ADFS Bueu, que este ano celebra o seu corenta aniversario. Pola súa banda, dende o club interveu Emilio Dopazo, quen agradeceu “a todos os xogadores, equipos técnicos, familias e afección polo apoio”, e quixeron agasallar ao alcalde e ao concelleiro de deportes cunha camiseta conmemorativa e co lema de “Somos de terceira”, que eles luciron orgullosos no acto.