Bueu celebra este sábado a IX Bandeira de Traineriñas
- No evento participan embarcacións de Pontevedra nas categorías cadetes, xuvenís e absoluta tanto en masculino como en feminino
- O percorrido sairá do peirao de Bueu cara a zona de Portomaior e comezará ás 17.00 horas
Bueu acollerá o próximo sábado, 4 de maio, a regata IX Bandeira de Traineriñas, unha proba organizada polo Club do Mar Bueu Simei e o Concello de Bueu, que se poderá seguir dende o peirao da vila a partir das 17.00 horas e na que participarán un total de 41 embarcacións pertencentes a once clubs. Así se anunciou na rolda de prensa celebrada este xoves, na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Javier Pazos, da directiva do Club do Mar Bueu Simei.
No campionato participarán traiñeiriñas das categorías cadetes, xuvenís e absoluta, tanto en masculino como en feminino, e cuxos barcos gañadores se farán coas correspondentes bandeiras conmemorativas da proba.
A organización agarda a participación dunha corentena de embarcacións dos clubes da Zona Territorial Sur. Segundo os datos do Club do Mar Bueu, os clubs que competirán coas diversas embarcacións son Bueu, Samertolameu, Chapela, Mecos, Robaleira, Tirán, Cesantes, Virxe da Guía, Coruxo, Vilaxoán e Moaña.
O percorrido consta de 3500 metros e irá dende o peirao de Bueu cara a praia de Portomaior, e a organización agarda contar con arredor de trescentos remeiros e remeiras.