Miguel Nuño lega «un anaco de historia» ao Concello de Bueu
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este mércores pola tarde un recibimento a Miguel Ángel Nuño Vázquez – Garza, no que se fixo entrega do primeiro toma dunha extensa obra dedicada aos Aldaos do Pazo do Casal. Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, agradeceu esta cesión “porque xa temos un anaco máis da nosa historia con nós”. No acto estiveron presentes concelleiros e concelleiras da corporación municipal, ademais de Belarmino Barreiro, arquiveiro, e Arturo Cidrás, investigador local.
Nuño Vázquez impartiu en Bueu o ano pasado unha conferencia relativa ós Aldaos do Pazo do Casal, froito de once anos de investigación sobre o último dos Aldaos de Bueu e o seu fillo non recoñecido legalmente que fixo que o apelido pasase de Aldao aos Nuño …. Desa extensa obra, que abarca máis dunha decena de tomos inéditos, preparou unha adicada a este primeiro Nuño, e cuxo primeiro tomo se entregou hoxe ao Concello de Bueu para que a cidadanía que o desexe poida consultalo nas dependencias do arquivo municipio.
Nuño, que foi agasallado cun lote de libros editados polo Concello, salientou que “a vida que conto aquí é de película, e todo foi tirando de fíos pequenos que deron lugar a máis de 9000 páxinas de investigación”.