O Concello de Bueu concentrouse este venres en repulsa polos asasinatos machistas
- Laura Ogando, concelleira de igualdade, salientou no acto organizado polo Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres que “todos e todas podemos facer algo contra a violencia machista”
- Pola mañá celebrouse tamén unha charla para os corpos e seguridade na que a fiscal Carmen Rebolledo Olmedo informou sobre a atención e protección ás vítimas de violencia de xénero
- Dende o CIM organizan durante estas semanas unhas xornadas interdisciplinares especializadas en prevención da violencia de xénero
Arredor dun cento de persoas, entre elas un grupo de nenos e nenas do CPR Virxe Milagrosa, concentráronse este venres ás 12 horas na Praza do Concello de Bueu en repulsa polos asasinatos machistas, nun acto organizado polo Concello de Bueu con motivo do Día Internacional para a Eliminación das Violencias Contra as Mulleres, que se conmemora mañá. Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, foi a encargada de ler un manifesto no que se apelou a que “todas e todos podemos facer algo contra a violencia machista”, e que “o 25 de novembro é unha data para a denuncia activa de toda a sociedade en contra da violencia que se exerce contra as mulleres en razón do seu xénero”.
Na súa declaración, Ogando apelou a todas as administracións para actuar na prevención da violencia e actuar coordenada e axilmente ante situacións deste tipo, e reivindicou que “ante as violencias machistas, nin un paso atrás!”.
Durante a mañá de hoxe tamén se celebrou no salón de plenos da Casa Consistorial unha charla na que participaron corpos de seguridade e na que Carmen Rebolledo Olmedo, Fiscal da Sección Territorial de Cambados da Fiscalía Provincial de Pontevedra, informou sobre a atención e a protección de vítimas de violencia de xénero. Esta actividade forma parte das Xornadas interdisciplinares especializadas en prevención da violencia de xénero que organiza o Centro de Información ás Mulleres de Bueu (CIM) co financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que se estenden ao longo deste mes e do que vén. Precisamente, dende a concellaría de igualdade incídese na formación como piar fundamental do cambio, e por iso se organizan estas actividades, que xa se celebraran en anos anteriores.
As xornadas iniciáronse o 19 de outubro cun obradoiro sobre novas masculinidades e experiencias prácticas na educación secundaria, que foi impartido polo profesor de filosofía Xosé Cabido Pérez, e que se desenvolveu no instituto Johan Carballeira. A seguinte foi o 17 de novembro, cando a educadora social, pedagoga e investigadora na USC Aixa Permuy Martínez falou sobre redes sociais, ciberacoso e seguridade na rede no salón de actos do mesmo instituto, nunha xornada dirixida ás asociacións de nais e pais da vila.
O profesor de socioloxía da USC Jorge García Marín estará o 28 de novembro no IES Johan Carballeira para informar sobre xogos bélicos e sexistas ás anpas. O 30 terá lugar a charla “A experiencia do Comité Lila”, nunha xornada dirixida aos centros de ensino e na que participará Teresa González Piñeiroa, profesora no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo.
As xornadas culminarán o 30 de decembro cunha charla para o persoal do Centro de Saúde de Bueu, na que Rosana Izquierdo Fernández, médica de atención primaria no Centro de Saúde de Sárdoma presentará o protocolo de violencia de xénero no ámbito sanitario.
Actividades no Centro de Saúde e nos centros educativos
Ao longo do mes de novembro e decembro estanse a desenvolver dende o Centro de Información ás Mulleres unha serie de obradoiros para o alumando de educación primaria e secundaria. Así, o pasado 3 de novembro, a psicóloga do CIM abordou a prevención da violencia de xénero no C.P.R. Virxe Milagrosa co alumando da ESO, e está previsto outro obradoiro no mesmo centro destinado a educación primaria (o 1 de decembro) coa temática da igualdade de oportunidades, igual que no CEIP Montemogos o pasado 23 de novembro. Proximamente, tamén se traballará con educación infantil no mesmo centro así como nos institutos da vila, á espera de concretar datas.
Dende o departamento destácase a boa participación do alumnado e a implicación do profesorado, xa que os rapaces e rapazas adoitan ter coñecementos previos en xénero, o que facilita o traballo e potencia a consecución dos obxectivos cara unha sociedade máis xusta e igualitaria
E no Centro de Saúde de Bueu tamén se organizou durante toda esta semana unhas mesas informativas nas que se explicaron cuestións e se resolveron dúbidas arredor das violencias machistas.