Xornadas Etnográficas do Morrazo
Evento xa rematado
-
Inicio
27 agosto, 2023
Evento todo o día -
Fin
3 septiembre, 2023
Evento todo o día
A comarca do Morrazo celebrará o 27 de agosto, o 2 e 3 de setembro as V Xornadas Etnográficas do Morrazo, organizadas pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo e a Asociación Cultural Peis D’ Hos, coa colaboración doutras empresas e colectivos, e que pretenden reivindicar a música e o baile, o traxe tradicional e que contan tamén coa concienciación medioambiental.
Así, as xornadas arrancarán este domingo, 27 de agosto, no municipio de Moaña. Os bares da vila estarán ambientados coa música de cantos tradicionais, populares e de taberna cos grupos Maravallada e Peis D’Hos. No paseo marítimo, entre as 12 e as 20 horas poderase ver a mostra de artesanía composta por traxes, tecidos e construción de instrumentos tradicionais.
Ás 17.30 horas, Oli Xiráldez impartirá un obradoiro de enredos musicais no palco da música, e ás 19 horas rematarán as actividades cun desfile do traxe da man das marcas Lumecú, De Cotío e Na Ristra, e no que participarán como modelos persoas de diversos colectivos culturais da comarca.
En Bueu, todas as actividades concentraranse o 2 de setembro. Ese día ás 17 horas, a Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos organizarán unha travesía nunha embarcación tradicional a vela. Ás 19 horas, a pista da Banda do Río acolle un espectáculo infantil a cargo de As Armadanzas. Ao mesmo tempo, nas rúas de Bueu haberá desfiles de bandas de gaitas.
Ás 20.30 horas desenvolverase o “prato forte das xornadas”: a V Mostra Etnográfica na pista da Banda do Río coas actuacións das agrupacións Sadeo (Ponteareas) e Trébede (Cangas). E a continuación poderase gozar da foliada con Donaire, Alxibeiras, As Mosas do Hío, Tarambainas, Sadeo e Retrouso.
As xornadas culminarán en Cangas por todo o alto o 3 de setembro. Ese día pola mañá, a Casa Consistorial de Cangas acollerá diversos obradoiros e charlas: ás 11.30 horas, na planta baixa, Sisel Galicia ensinará a elaborar marcapáxinas con forma de monteira; a esa mesma hora, no salón de plenos, presentarase o documental “Axudádeme a cantar” do Consello da Cultura Galega, unha proposta de seis capítulos que pretende poñer en valor o canto acompañado con percusión a man no que se conta coa colaboración de tocadoras tradicionais e participantes en procesos de recollida e divulgación, así como artistas modernas; ás 12.45 horas, farase unha escoita e unha análise do arquivo do etnomusicólogo Alan Nomax da man de Cantometrics.
Xa pola tarde, ás 17 horas terá lugar no salón de plenos a charla informativa da Plataforma Augas Limpas sobre a conservación e rexeneración da ría de Aldán – O Hío. Ás 17.30 horas, Nuria Gesteira impartirá un obradoiro de canto e pandeireta na Antiga Cámara Agraria; ás 18 horas, na planta baixa do Concello de Cangas, Sisel Galicia ensinará a arte de elaboración de minipandeiretas con feltro, cartón e chapas. Ás 19 horas, presentarase o libro As que dormen entre o centeo, da Asociación de Gaiteirxs Galegxs, unha proposta que quere visibilizar a creación musical da gaiteiras galegas, e recolle dezaseis autoras de distintas xeracións e ata 36 partituras.
E xa a partir das 19 horas, o Recinto de Ojea acolle un obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego con Miguel Sotelo, e concertos de Lina e Lola, Charanga Trébede, Lagharteiras e Ailá!