O Carme terá cinco días de festa que comezan coa música de Carlos Núñez
O programa das festas inclúe ademais de catro días con música variada e verbena o campionato de España de Drons e as atraccións nas Lagoas.
O Concello de Bueu deseñou unhas festas do Carme que comezan co concerto de Carlos Núñez o sábado 8 nos Xardíns de San Martiño en O Valado e que rematarán coa verbena da Orquesta Trebol o domingo 16 de xullo, con cinco días de actividades para todas as idades e que terán os seus epicentros na parte musical no exterior do Centro Social do Mar e as atraccións estarán situadas na zona de As Lagoas.
O arranque dos festexos ten este ano unha cita especial co concerto de Carlos Núñez do sábado 8 ás 20:30 horas nos xardíns de San Martiño en O Valado. Esta cita que será de balde ata completar aforo e será a terceira cita do internacional gaiteiro tras ter tocado na propia igrexa de San Martiño e no pazo de Santa Cruz.
A seguinte cita será o xoves 13 de xullo cunha degustación denominada «A pota vai de festa», organizada pola Organización de productores de Pesca Fresca do Porto de Vigo e que escolleron a vila para nun día de feira facer uns petiscos elaborados a partir do popular cefalópodo para poñer en valor este produto da pesca de altura, e a cal é capturada nos caladoiros por moitos mariñeiros de Bueu e do Morrazo. A cita terá ademais animación de charanga para dar un ambiente festivo ao exterior da praza de abastos.
As atraccións para a cativada e a rapazada estará instalada no entorno de As Lagoas, que terá o aparcadoiro pechado ao tráfico xa desde o luns 10 a partir das 15:00 horas para a montaxe que se levará nos seguintes días para estar operativas xa desde o venres 14 ata o luns 17 incluído.
A segunda cita musical será o venres 14 no exterior do Centro Social do Mar co Grupo Claxxon que ofrecerá a partir das 22:00 horas as súas versións de rock para os amantes deste estilo musical e que abranguerá temas de artistas de diferentes épocas, polo que está pensando para xente de todas as idades.
O sábado día 15, os actos relixiosos que organiza a asociación Bueu en Festas terán a misa solemne na honra das Dores a partir das 12 horas, coa charanga Leña Verde animando as rúas e coa Coral Polifónica Bueu cantando a misa. Precisamente esta Coral levará a cabo a partir das 20 horas no Centro Social do Mar o seu tradicional encontro de corais O Son do Mar no que estarán acompañados por Coro Ecos do Castelo de Nigrán e pola Coral Polifónica da AVCR San Mamede de Zamáns. O apartado musical deste día terá os ritmos variados para todas as idades da Charanga Louband que animará diversas rúas desde as 20:00 horas ata rematar o seu espectáculo no exterior do Centro Social do Mar ás 22:30 horas. Alí será o turno da sesión de picadiscos de Señora DJ que poñerá música ata a madrugada.
O sábado tamén terá lugar o Campionato de España de Drons Bueu GP no recinto Multiusos de A Estacada que estará desde as 10 horas ata ás 00:00 horas cos mellores pilotos desta modalidade deportiva presentes en Bueu nunha cita que promete espectacularidade.
O domingo 16, día do Carme, nos actos organizados por Bueu en festas haberá rúada co grupo de Cornetas e Tambores de Cangas antes da misa solemne. Esta será ás 12:00 horas e ao remate terá a procesión ata a lonxa acompañada pola Banda de Gaitas Manxadoira. Os oficios relixiosos da tarde nos que colabora a Confraría de Pescadores San Martiño serán ás 18 horas, seguidos da procesión marítima no bateeiro Mar de Bon e a subida de volta á igrexa coa Banda de Música Artística de Bueu.
A verbena do Concello de Bueu para pechar as festas será a cargo da Orquesta Trébol a partir das 22:00 horas no exterior do Centro Social do Mar. Farán un primeiro pase ata as 23:45 horas para o tradicional espectáculo pirotécnico das 00:00 horas que terá lugar un ano máis na praia da Banda do Río. Despois a música continuará ata a madrugada.