As ‘Finais Copa Galicia Base Fútbol Sala chegan a Bueu cunha xornada de espectáculo e diversión
- O domingo 11 de xuño celébranse as ‘Finais Copa Galicia Base Fútbol Sala’ no Pavillón Pablo Herbello en Bueu
- O alcalde de Bueu en funcións convida á poboación a asistir ao evento futbolístico e que “recoñece o traballo dos clubs”
Bueu convértese o próximo domingo, 11 de xuño, no Concello responsable da celebración das ‘Finais Copa Galicia Base Fútbol Sala’. O salón de plenos da Casa do Concello acolleu a mañá deste luns o acto de presentación das finais futbolísticas. Nel participou o alcalde en funcións, Félix Juncal, o concelleiro de deportes en funcións, Ricardo Verde, o presidente da Asociación Deportiva Fútbol Sala de Bueu, Francisco Campos, e o Delegado da Federación de Pontevedra, Jaime Otero, xunto a outros membros da Federación. A xornada futbolística celebrarase o domingo11 de xuño no Pavillón Municipal Pablo Herbello e recibirá a equipos de diferentes categorías e concellos, que se trasladarán ata Bueu para competir pola copa. O alcalde en funcións realizou unha valoración positiva dos eventos deportivos, pois “serven para recoñecer o traballo dos clubs” ao mesmo tempo que convida ás persoas afeccionadas a asistir a un evento cun carácter máis festivo.
O evento futbolístico marca un tanto no municipio pois, tal e como asegura Juncal, permite valorar o traballo realizado dende o propio concello. “Sentímonos orgullosos do tecido asociativo que hai na vila”, manifestou o alcalde en funcións. Igualmente, quixo agradecer o traballo de promoción do deporte de base que levan a cabo durante todo o ano dende a Asociación Deportiva Fútbol Sala de Bueu. Pola parte da Federación, o Delegado de Pontevedra mostrouse satisfeito coa participación do Concello: “Estamos encantados de que os concellos colaboren nestes eventos”. Este 11 de xuño será a primeira vez que se fará entrega das Copas Galicia Base en Bueu, data que coincide coa celebración do Corpus, polo que Juncal anima á poboación a achegarse ata o municipio e gozar do deporte galego.
O próximo domingo, día 11, celébranse as finais máis importantes de toda a comunidade, nas cales pode participar calquera equipo de toda Galicia. No evento de fútbol sala haberá catro categorías, tres masculinas e unha feminina. En todas elas, competirán para adquirir a Copa Galicia. O primeiro partido executarase pola mañá, concretamente ás 12.30 horas. Este primeiro encontro será feminino, a categoría Cadete Feminina F.S., na cal o F.S.F. CASTRO CARNEMAX e o E.D. POIO PESCAMAR F.S. disputarán polo triunfo. O resto de partidos celebraranse pola tarde, comezando ás 16 horas coa Copa Galicia Infantil F.S., na que participarán o S.D.C y R. NARÓN O FREIXO contra o CARBALLIÑO F.S. A continuación, ás 18 horas a Copa Galicia Alevín F.S. disputarase entre PELUQUERÍAS VERO’S O PARRULO “A” contra o CLUB DEPORTIVO LA PEÑA L.P. Para concluír a xornada futbolística, ás 20 horas PESCADOS RUBEN BURELA F.S e CARBALLIÑO F.S. xogarán para conseguir a Copa Galicia Cadete F.S.
O evento ten unha importante transcendencia futbolística pois, tal e como explicou o presidente da Asociación Deportiva Fútbol Sala de Bueu no acto, congrega a moitos dos mellores xogadores da liga. Campos tamén quixo agradecer a implicación do Concello na celebración de competicións coma esta.