Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu instalará iluminación na senda entre Trasouto e A Portela e inicia a licitación do expediente

  • O proxecto conta cun orzamento de 78.638,43 €, IVE engadido, e a actuación contempla a dotación e instalación de 47 novos puntos de luz nesta zona

O Concello de Bueu vén de abrir o prazo de licitación para que as empresas interesadas poidan presentar antes do 22 de febreiro as súas ofertas económicas para a instalación de 47 novos puntos de luz na senda de Trasouto e A Portela, que se financia coas axudas do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra e que consta dun orzamento de 78.638,43 €, ive engadido.

A senda peonil entre os lugares de Trasouto e A Portela foi acometida pola Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia hai un ano, e durante as obras xa se deixou feita unha preinstalación das canalizacións do cableado e as bases de formigón, a petición do Concello, polo que agora se levará a cabo unha actuación máis sinxela e menos agresiva ao longo de máis dun quilómetro. O alcalde da vila, Félix Juncal, destaca que “é unha actuación que ten un duplo obxectivo: ampliar a iluminación nesa zona utilizada cada vez por máis persoas que camiñan, e doutra, mellorar a seguridade vial”. A previsión do goberno local é que a obra poida estar finalizada ao longo da primavera.

Toda a información sobre o proxecto pode verse na Plataforma de Licitación do Sector Público.