Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu pon en marcha un Servizo de Atención Temperá (SAT)

O Concello de Bueu pon en marcha un Servizo de Atención Temperá (SAT), cuxo obxectivo é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, e á súa familia e contorna, co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a dita inclusión. Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, visitaron esta semana a aula na que se vai desenvolver a primeira fase do programa, que se sitúa na rúa Santán.

Os servizos serán ofrecidos polo equipo SAT Bueu, que conta cun logopeda, unha fisioterapeuta e unha psicóloga con formación e experiencia no desenvolvemento infantil. Segundo destaca a edil da área, “a idea é detectar trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos en nenos e nenas de 0 a 6 anos”, aínda que o acceso ao servizo debe facerse dende pediatría do/a menor.

Este servizo finánciase no marco da Rede galega da atención temperá, co apoio da Unión Europea no Programa Operativo FES Galicia 2014-2020.

As persoas interesadas en obter máis información poderán contactar co servizo no teléfono 623292191 ou no enderezo electrónico bueusat@gmail.com.

O Concello de Bueu leva moitos anos implementando políticas sociais, a través das que se apoia a todas as persoas e se atenden diversas dificultades económicas. Para iso se puxeron en marcha obradoiros de memoria para fomentar o envellecemento activo, ademais de contar cun programa de apoio psicolóxico ao menor, entre outras iniciativas.