Proxección «O estrobo no tolete»
Evento xa rematado
-
Data
24 agosto, 2022
-
Hora
8:30 pm - 10:00 pm
-
Centro Social do Mar
Rúa de Montero Ríos, 36930 Bueu, Pontevedra
O Centro Social do Mar acolle o 24 de agosto ás 20.30 horas a proxección do audiovisual «O estrobo no tolete», realizado por Manuel Yáñez e dirixido por Xaime Toxo. No acto participarán Xaime Toxo, Santi Soliño, Tere Barros e Suso Viti.
O ESTROBO NO TOLETE é una proposta audiovisual creativa e subxectiva onde se intenta a través de imaxes e textos vincular a permanencia da memoria e a arqueoloxía emocional do territorio.
O ESTROBO NO TOLETE é a mirada dun neno de sesenta anos, ou as distintas miradas. É a constatación sensorial que o feito de vivir nos transmite, non baseada no paso do tempo, senón nos asombros, as dúbidas, os medos, as alegrías, as sensacións, o que se di e o que se cala, o que se mostra e o que se oculta. Son as cores e a escuridade, a luz nos distintos momentos nos que se produce, os filtros e os obxectos, a materia traballada e a natureza como escenario dialéctico e transcendente. Nada hai máis alá do que nos fai sentir parte dun organismo total que supera os límites da nosa imaxinación.
O ESTROBO NO TOLETE é imaxe, pero sobre todo é texto. É voz fóra do tempo, é monólogo atuído de diálogo, unha conversa atemporal con cada unha das células e átomos que lle deron forma e movemento a intres nos que o alento adquiría a presión do aire na botella. Xurdir nese abismo con respiración asistida.
O ESTROBO NO TOLETE é palabra pronunciada, é unha oración escrita sobre un corpo espido, son corpos en distintas fases de desenvolvemento, topografías de relevos inconfundibles, espazos non modificados e construcións reais e outras imaxinadas. É un murmurio e un aturuxo, unha contemplación e unha espera, o esforzo dunha carreira, a frustración de non poder voar.
O fío dun nobelo que se perde na néboa.