Illas Ons
O Concello de Bueu conta entre o seu territorio coa Illa de Ons, composta por Ons e Onza, formando parte hoxe en día do Parque Nacional das Illas Atlánticas. A historia desta illa é moi apaixonante, toda vez que ata mediados do século pasado vivían alí unhas cincocentas persoas.
Ao longo dos séculos, os colonos da Illa de Ons pagaban rendas ao Arzobispado e despois ás familias de Montenegro e Valladares, tradición que se mantivo na primeira metade do século XX, cando as cotas se pagaban á familia Riobó, a quen ademais estaban obrigados a venderlles todo o polbo que pescaban.
Nas últimas décadas do XX o arquipélago de Ons pasou polas mans de diversos organismos estatais, (IRYDA e ICONA) ata que en 1982 é transferida á Xunta de Galicia, e o 1 de xullo de 2002 intégrase dentro do Parque Nacional Marítimo – Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A día de hoxe, na illa residen durante todo o ano só cinco persoas, aínda que no verán visitan este espazo unha gran cantidade de turistas.
Neste espazo combínanse a natureza coas praias, e o patrimonio histórico e cultural.