O Concello de Bueu celebra esta fin de semana as V Xornadas pola Diversidade Afectivo – Sexual
- O programa incluirá a lectura dun manifesto, charlas sobre proxectos de diversidade e a proxección dun filme sobre esta temática
- Agustín Gallego, edil de mocidade e infancia, salienta que “é importante que as administracións loitemos pola visibilización e a reivindicación das persoas do colectivo LGBTIQ+”
O Concello de Bueu organiza, como xa vén sendo habitual, as V Xornadas pola diversidade afectivo – sexual, cun programa que se desenvolverá esta fin de semana e co que se busca crear conciencia sobre a identidade persoal e a liberdade sexual.
O programa deste ano iniciarase este venres, 1 de xullo, ás 19.00 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, coa lectura do manifesto do Concello de Bueu con motivo do Día do Orgullo LGBTIQ+ por parte de Agustín Gallego, concelleiro de mocidade e infancia. A continuación, a investigadora Ana Amigo Ventureira presentará o proxecto “Bibliodiversidade”, unha guía que divulga material bibliográfico sobre a diversidade afectivo –sexual co obxectivo de promover o uso destes recursos como ferramenta didáctica nas aulas. Este traballo foi elaborado entre setembro e decembro de 2021 no marco do CEXeF, o Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña. Despois, o IES Johan Carballeira de Bueu presentará o traballo levado a cabo durante este curso no equipo de diversidade do centro, co que recibiron o premio “Escola sen armarios”, concedido dende a Asociación Arelas. A xornada culminará coa presentación do libro Campo de plumas. Poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, unha proposta do selo editorial cangués Sushi Books, antologada e traducida por Jesús Castro Yáñez, quen estará acompañado polo editor Moisés Barcia. O libro percorre a lírica ao longo do tempo, e lévanos dende Safo a Mary Jean Chan, a través de versos nos que se dan conta de diversas identidades e orientacións sexuais.
Ao día seguinte, 2 de xullo, o Cineclub Bueu proxectará o filme “Girl” de Lukas Dhont, que se poderá ver ás 21 horas no Centro Social do Mar con entrada de balde. A película conta a historia dunha adolescente de quince anos que naceu sendo un neno e cuxo maior desexo é converterse nunha bailarina de elite.
Xa dende o pasado 28 de xuño, Día do Orgullo LGBTIQ+, a bandeira loce no balcón da Casa Consistorial. Así mesmo, e como en anos anteriores, o Concello encargoulle ao artista local Marc Taeger o pintado da fonte dos Xardíns de María Eugenia, que dende hai unhas semanas conta cunha imaxe colorida que alude e reivindica a diversidade. Segundo salienta o ilustrador, o deseño da fonte baséase no arco da vella para significar que a cidadanía é un conxunto de moitas pezas diversas que xuntas conforman o conxunto.
Agustín Gallego incide no papel que deben cumprir as administracións públicas na loita polos dereitos das persoas do colectivo LGBTIQ+ e na visibilización da diversidade.