A Mancomunidade de Concellos do Morrazo supera o Reto de Ecoembes e incrementa a reciclaxe de plásticos
- O obxectivo era aumentar un 10% a reciclaxe destes residuos, e así gañar premios de 1.000 euros para destinar a causas sociais
- O Concello de Bueu doará esa cantidade a Apropark, Cangas a Adicam e Moaña a Afamo
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo superou este ano “Recicla e únete ao Reto!”, unha campaña de Ecoembes e da Consellería de Medio Ambiente que consistía en incrementar un 10% a reciclaxe de residuos plásticos entre o 1 de marzo e o 31 de maio. Unha vez superada esta cifra, cada concello destinou os 1000 euros conseguidos a unha causa social, e elixíronse asociacións da comarca.
Precisamente, este martes tivo lugar na Bodega Vía Romana de Chantada o acto de entrega destes premios, ao que asistiron Victoria Portas, alcaldesa de Cangas, e Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, amais de Alba Álvarez, xerente da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, mentres que o rexedor de Bueu non puido estar presente por motivos de axenda. Nel entregáronse os vales económicos que Bueu destinará á Asociación de Parkinson de Pontevedra (Apropark), Cangas á Asociación de Persoas Diagnosticadas de Cancro de Mama (Adicam), e Moaña á Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer (Afamo).
A Mancomunidade segue traballando para incrementar a reciclaxe e reducir a pegada dos residuos no medio ambiente. De aí que actualmente se comezase coa implantación da campaña “Porta a porta” que recolle a fracción orgánica entre os locais hostaleiros da comarca, e tamén se aumentará a instalación de contedores selectivos de plástico, papel e vidro. As normativas europea e estatal esixen acadar o 55% na reutilización e na reciclaxe dos residuos domésticos en 2025. Ademais, a nova lei de residuos de Galicia esixe instaurar antes do 31 de decembro de 2023 a recollida separada dos biorresiduos. Para chegar a estes obxectivos, tanto as administracións públicas como o tecido empresarial e a propia cidadanía, deben asumir as súas respectivas responsabilidades e ser parte activa na recollida e na xestión do lixo.