O Club do Mar Bueu – Teccarsa presenta o seu equipo para a tempada de traiñeiras
- O alcalde salientou que “é un agasallo poder seguir compartindo estes días e meses coa familia do Club, que nos últimos anos están conseguindo propulsar o deporte do remo”
Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou este domingo, 12 de xuño, na presentación do equipo do Club do Mar Bueu- Teccarsa para esta tempada da liga de traiñeiras, que comeza a próxima fin de semana. No acto, que tivo lugar ao mediodía na Praza do Concello, o rexedor desexoulle ao club moita sorte, e salientou que “é un agasallo poder seguir compartindo estes días e meses con esta familia, que nos últimos anos están conseguindo propulsar o deporte do remo, que é moi importante en Bueu porque ante todo somos un pobo de mar e este forma parte do noso ser e do noso ADN”.
O equipo de traiñeiras desta tempada compóñeno Sergio Pérez, Diego Pérez, Óscar Martínez, David Moledo, Carlos Macho, David Martínez, José Manuel Freire, Andrés González, Raúl Baqueiro, Diego Otero, Rubén García, Ismael Lijo, Ángel Moledo, Salvador Castro, Esteban Paz, Carlos Pérez, Wojciech Adam Janawa, Ignacio Ortega, Andrés Ríos e Jesús Ángel Rodríguez.
Manuel Juncal, presidente do Club, agradeceu a todos os que forman parte do equipo “por estar traballando todo o ano con ilusión, e grazas aos que vivimos na pasada tempada moitísimas emocións”. Ademais, tamén avanzou que nesta tempada se van poder seguir estas regadas pola segunda canle da TVG, tanto en directo como en diferido, e xa anunciou que o 24 de xullo será Bueu o escenario elixido para a competición.
No acto tamén estiveron diversos membros da directiva do Club, así como da corporación municipal, caso de Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, Elena Estévez, María Carmen Núñez e María Blanco, edís do PP.