A Mancomunidade do Morrazo comezará nas próximas semanas a recollida selectiva de biorresiduos na hostalaría
- O ente supramunicipal centra os esforzos na hostalaría posto que son os principais xeradores de biorresiduos, e por iso se convocarán reunións co sector nos tres concellos a próxima semana
- A campaña comezará co reparto de cartas informativas, e entrega de folletos, manuais, e un contedor para poder realizar a separación dos residuos orgánicos
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo arrancará de forma inminente a recollida selectiva de biorresiduos nos produtores singulares. Precisamente, este xoves, Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente actual do ente supramunicipal, mantivo unha reunión na planta de residuos da Portela cos responsables de Urbaser, a empresa concesionaria do servizo de xestión do lixo, e de RoferVigo SL, que foi a firma subministradora do camión que se encargará de levar a cabo a recollida ‘porta a porta’. Así, segundo avanza Juncal, nestes días enviaranse cartas á hostalaría da comarca co obxectivo de manter unha reunión en cada un dos concellos para informar sobre a campaña que permitirá mellorar a xestión dos residuos incrementar as taxas de reciclaxe para aproximarse aos obxectivos das diferentes normativas estatais e europeas, e para reducir o impacto medioambiental.
Como xa se anunciara hai uns meses, a Mancomunidade centra os seus esforzos na recollida á hostalaría, posto que son os principais xeradores de biorresiduos e de aí importante papel que xoga a súa colaboración á hora de separar correctamente estes residuos.
Agora que xa conta co camión e cos contedores, dende a Mancomunidade xestionarán reunións coa hostalaría dos tres concellos para comunicar a posta en marcha do servizo, e entregar manuais e folletos informativos sobre a correcta separación de residuos e a importancia da compostaxe, así como pousavasos, manteis individuais nos establecementos adheridos para visibilizar e dar a coñecer a súa participación na recollida selectiva como locais sensibles e respectuosos co medio ambiente.
Os locais que se adhiran a esta campaña recibirán unha visita do persoal técnico da Mancomunidade, onde se lles informará sobre a dinámica da separación en orixe e a nova sistemática do colector marrón. Ademais farase entrega dun colector para poder realizar a separación dos biorresiduos cunha maior comodidade no seu propio local. Unha vez que os produtores estean ben informados, comezarase co sistema “Porta a Porta”, para o que se estipula unha frecuencia de recollida a concretar segundo as necesidades. En canto ás características técnicas, os contedores que se entregarán terán unhas capacidades de 120, 240 e 360 litros, dependendo a produción de materia orgánica de cada establecemento, e contarán cun pedal para facilitar a apertura sen manipulación da tapa e con pechadura automática por gravidade.
As normativas europea e estatal esixen acadar o 55% na reutilización e na reciclaxe dos residuos domésticos en 2025. Ademais, a nova lei de residuos de Galicia esixe instaurar antes do 31 de decembro de 2023 a recollida separada dos biorresiduos. Para chegar a estes obxectivos, tanto as administracións públicas como o tecido empresarial e a propia cidadanía, deben asumir as súas respectivas responsabilidades e ser parte activa na recollida e na xestión do lixo.
A campaña busca, pois, potenciar a prevención, recollida separada e valorización de biorresiduos de competencia municipal de maneira local, reducir a produción de residuos nos concellos da Mancomunidade, implicar aos grandes produtores nas actuacións de xestión de residuos e facer partícipe á cidadanía con campañas informativas, e poñer en valor as instalacións do Complexo Medioambiental da Mancomunidade, dándolle un dos usos para os que inicialmente foi deseñado, o tratamento da FORM mediante compostaxe. Así mesmo, preténdese integrar a nova recollida xunto ó resto de circuítos xa establecidos, e influír positivamente na creación ou afianzamento de postos de traballo e/ou actividade económica verde ligada á transformación da material orgánica e ao uso do compost.
Esta iniciativa levarase a cabo no marco das axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.