O Concello continúa co plan de mantemento dos espazos públicos municipais
- Unha empresa especializada procede estes días á renovación dos xogos deteriorados do parque da Barraca
- A brigada de obras e servizos acomete a limpeza e a roza de lugares como o parque da Chadiza, os areais, ou a contorna do lavadoiro da Portela
O Concello de Bueu comezou esta semana coa renovación dos xogos deteriorados no parque da Barraca, na parroquia de Cela. Segundo salienta Félix Juncal, alcalde e encargado da área de obras e servizos, unha empresa especializada está revisando o estado das diversas máquinas lúdicas para avaliar as que se poden reparar e as que é preciso substituír. Estes traballos forman parte do plan de mantemento dos espazos públicos municipais en todas as parroquias, e por iso se irán acometendo revisións constantes.
De cara á tempada de Semana Santa e verán, continuará nas próximas semanas, e de forma ininterrompida, o plan de mantemento que comezou xa hai días e que permitirá actuar en diversas zonas. Así, actualmente o persoal da brigada de obras e servizos atópase no lavadoiro de A Portela, onde se realiza unha limpeza da contorna, e tamén se comezou coa limpeza e roza dos accesos a algúns areais con tractor e medios mecánicos, e de parques como o da Chadiza, na parroquia de Beluso.
Sobre o avance do plan, Juncal salienta que este xoves programarase unha limpeza mecanizada dos areais urbanos. Así mesmo, a brigada de xardinería está ultimando a preparación dos espazos nos que se plantarán flores ornamentais na próxima semana, cando tamén se comezará cos traballos de baldeo e decapado dos espazos urbanos, que este ano se realizarán cunha máquina propia adquirida polo Concello, e que permitirá incrementar as zonas.