O Concello de Bueu reanuda este mes de marzo o programa deportivo ‘En forma nas parroquias’
O Concello de Bueu, a través da concellaría de deportes, porá en marcha a partir do 14 de marzo o programa ‘En forma nas parroquias’, que supón a volta das ximnasias ás parroquias de Cela e Beluso, despois de que se cancelasen hai dous anos por mor da Covid-19. Cinco meses despois do inicio das ximnasias de mantemento nas instalacións da piscina municipal das Lagoas, o goberno local dá un paso máis e ofertará de novo esta modalidade no Torrecino de Cela e no Pavillón de Beluso, cun total de cen prazas distribuídas en catro grupos.
A previsión é que a ximnasia de mantemento se imparta en Beluso e Cela a partir do luns 14 e, ao igual que en Bueu, continúen ata o mes de xuño. ‘En forma nas parroquias’ ofrecerá clases os luns e mércores no Pavillón de Beluso en dúas quendas de vinte e cinco persoas: unha de 9 a 10 horas, e outra de 10 a 11 horas. Mentres, en Cela, os días escollidos serán os martes e xoves ás mesmas horas.
A inscrición deberá realizarse a partir deste luns, 7 de marzo, no Rexistro Xeral do Concello de Bueu, e as clases seguirán sendo gratuítas.
Dende o goberno local continúase apostando polas políticas de fomento de actividades deportivas no marco da acción “Bueu Saudable” que ano tras ano acolle a moitísimas persoas que realizan deporte adaptado, ademais de promover charlas sobre hábitos saudables. Tal e como salienta Ricardo Verde, concelleiro de deportes, “a nosa idea é recuperar a normalidade de antes na pandemia de forma progresiva, e moitas persoas nos demandaba a actividade física nas parroquias porque lles resulta máis cómodo que desprazarse a Bueu”.
En canto ás ximnasias que se desenvolven dende o mes de setembro na piscina, aínda quedan prazas dispoñibles. Neste caso, as persoas interesadas deberán inscribirse na propia piscina.