O pleno de Bueu aprobou definitivamente a Relación de Postos de Traballo
- O documento contou cos votos favorables do grupo de goberno, conformado por BNG e ACB, e en contra do PP, mentres que o PSOE non asistiu á sesión
- O grupo de goberno deu luz verde a unha moción sobre a ampliación das instalacións do Museo Massó
A Relación de Postos de Traballo (RPT) aprobouse definitivamente na sesión plenaria deste luns, 7 de febreiro, contando cos votos favorables do grupo de goberno, conformado por BNG e ACB, e en contra do PP, mentres que os representantes do PSOE non estiveron presentes. Félix Juncal, alcalde da vila bueuesa, salienta que “foi un proceso longo que comezamos hai oito anos, que regulariza unha situación e que supón un acto de xustiza contributiva co persoal municipal”. O rexedor mostrouse moi satisfeito por este empuxe definitivo, que chega logo da aprobación inicial en xullo e dun período de alegacións, e destaca que “a RPT é un documento vivo, que se pode ir actualizando ano a ano, pero que non podemos demorar máis no tempo, pois os seus efectos deben entrar en vigor canto antes”.
Elena Estévez, voceira do PP, manifestou o voto en contra do seu partido, pois “sorprende a vintena de alegacións que se presentaron a un documento que o alcalde di que estaba plenamente consensuado co persoal”, ao tempo que fixo fincapé “nos informes desfavorables de Secretaría e Intervención, que indican que non ten ningunha fundamentación legal, o que nos podería levar a un procedemento xudicial, pois a RPT está collida polos pelos”.
Julio Villanueva, voceiro de ACB e vicealcalde, salientou que “despois de moitos atrancos conseguiuse o apoio dunha ampla maioría, e que se dignifique o persoal”.
Cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do goberno, esta Relación de Postos de Traballo, que contou co apoio unánime da mesa xeral de negociación, entrará en vigor coa publicación no BOPPO e a aprobación dos orzamentos xerais deste ano 2022.
A ampliación do Museo Massó, centro do debate
Mais non foi este o único asunto de debate do pleno deste mes de febreiro. O grupo de goberno presentou unha moción para instar á Consellería de Cultura a que planifique os traballos a levar a cabo para que non se condicione a necesaria futura ampliación do Museo Massó, e tamén que afronte en diversas fases ese proxecto elaborado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto no ano 2002. Xosé Leal, voceiro do BNG, explicou que “do que se trata é de facer memoria e de seguir reivindicando o Museo Massó coma un museo referencial, cunha actuación por parte da Xunta que tería que ser máis ambiciosa”. Na mesma liña interveu Julio Villanueva, voceiro de ACB, quen puxo de manifesto que “xa é hora de que a Xunta aposte en serio polo Museo, e non que se limite a eses 1,1 millóns anunciados recentemente”. Pola súa banda, Elena Estévez, en representación do PP, anunciou o voto en contra, pois “segundo me indican na Consellería de Cultura, o proxecto de Gallego Jorreto non é posible tal e como estaba formulado e que necesitaría adaptalo ás novas circunstancias”.
O grupo de goberno lembrou que no seu momento o Concello cedera á Xunta de Galicia un total de 3400 metros cadrados de terreo edificable na contorna do Museo e que quedaron infrautilizados polo momento. Finalmente, a moción saíu adiante cos votos favorables do grupo de goberno, mentres que os e as edís do PP se mostraron en contra.
Mentres, a moción presentada polos populares a respecto dunha actuación no tramo interior de baixada dende a entrada principal do tanatorio ao viario da Deputación EP-1303 non se aprobou, posto que só contou cos votos favorables do PP. Xosé Leal, en representación do BNG, apuntou que “parece que o PP quere que o goberno funcione a base de mocións, marcándonos a nosa axenda de traballo, e nós non imos entrar neste xogo, pois a actuación proposta xa está no plan de xestión dende hai meses”. A moción non saíu adiante, ao contar cos votos en contra do grupo de goberno, e a favor do PP.
Por último, o pleno tamén serviu para dar luz verde á aprobación do proxecto técnico de reforma e ampliación da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, que se levará a cabo no marco das axudas do REACPON da Deputación de Pontevedra, e que conta cun orzamento de preto dun millón de euros.
A sesión plenaria está dispoñible na canle de YouTube do Concello de Bueu.