O Concello reinventa o Entroido con actividades reducidas e adaptadas á Covid-19
- Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, mantivo estas últimas semanas reunións con diversas asociacións e comparsas, tras as que se acordou organizar actuacións de pequeno formato e obradoiros para a cativada
- Coa programación definitiva aínda por ultimar, o Concello propoñerá actividades máis reducidas, en espazos abertos das tres parroquias e adaptadas a todas as esixencias normativas e sanitarias
O Entroido de Bueu non se celebrará este ano como é habitual, pero o Concello de Bueu, en colaboración coas comparsas da vila e diversas asociacións, organizará actividades de pequeno formato e ao aire libre nas tres parroquias, co obxectivo de ofrecer unha alternativa de lecer para a cidadanía nestes tempos tan complexos. Así se acordou despois de que Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo e encargada da organización, mantivese reunións estas últimas semanas cos colectivos que participan habitualmente nesta festa, e na que se acordou suspender os tradicionais desfiles do Enterriño da Sardiña e do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro.
Así, propoñeranse actividades reducidas e adaptadas á actual situación sanitaria da Covid-19, como actuacións das comparsas en localizacións das tres parroquias en horarios de mañá e de tarde, que se irán anunciando nos próximos días.
A edil encargada da organización salienta que “ao igual que o ano pasado, debemos actuar con cautela e por iso non podemos celebrar o Entroido como era habitual en Bueu, aínda que acordamos organizar eventos máis pequenos e ao aire libre, tal e como recomendan as autoridades sanitarias”, porque “todos coincidimos en que a cidadanía necesita un pouco da ledicia do Entroido”. Así, o Concello ten previsto instalar unha carpa na Praza Massó, entre o 25 de febreiro e o 7 de marzo, na que se programarán as actuacións das comparsas no casco urbano, así como obradoiros para a cativada con actividades e xogos relacionados co Entroido. A iso sumaranse actuacións en lugares como a contorna da Morada, na aldea de Meiro, o Adro de Cela ou o Parque Joe Novas en Beluso.
Ás reunións asistiron representantes das comparsas da vila ademais doutros colectivos culturais e deportivos que habitualmente participan neste evento. Así mesmo, dende o consistorio contactouse coas asociacións de nais e pais (anpas).