O Concello de Bueu homenaxea ás e aos mellores deportistas e clubs da vila
- O Centro Social do Mar acolleu este sábado a Gala do Deporte, un evento moi emocionante que se recuperou logo de seis anos de parón
- Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou a importancia do deporte de base e o gran traballo social que levan a cabo os clubs e entidades da vila
- O Concello entregou dez premios cos que se valoraron os éxitos colleitados nas tempadas do 2018 ao 2021
O Concello de Bueu homenaxeou e agradeceu a actividade dos e das deportistas, así como dos clubs e entidades deportivas da vila nunha gala encheu este sábado o Centro Social e que serviu tamén para recoñecer a importancia deste sector na sociedade. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou que “sinto moita felicidade e tamén agradecemento cara aos clubs e todas as persoas que realizan este labor social, que fai que as nosas fillas e fillos dispoñan de medios e de recursos para levar adiante diversas prácticas deportivas, mais que tamén contribúe a revitalizar a nosa vila, a enchela de eventos, de celebracións, de éxitos, de ilusións compartidas”. Juncal aludiu ao esforzo extra que tiveron que realizar as persoas dos clubs nun ano tan complicado e atravesado pola Covid-19, “coa adaptación a estritos protocolos de seguridade e hixiene”.
Os premios da gala entregáronse en diversas categorías: Zulema González, do Club de Loita do Morrazo, fíxose co de mellor deportista feminina base, e Ángel Moledo, do Club do Mar Bueu- Teccarsa levou o de mellor deportista masculino base; Beatriz Fernández, do Club de Atletismo Corredoiras gañou na categoría de mellor deportista feminina absoluta, e José López, do Bueu Atlético Balonmán, na de mellor deportista masculino absoluto; Andrés Ríos Villar, do Club do Mar Bueu – Teccarsa foi elixido mellor deportista promesa e Roberto Riobó, do Club de Atletismo Corredoiras, mellor deportista veterano. Ademais, o Club do Mar Bueu – Teccarsa fíxose co recoñecemento de mellor entidade deportiva, e José Ferral, tamén do club, mellor adestrador.
Ademais, o Comité de Valoración decidiu recoñecer á triatleta Natalia Castro co premio á excelencia deportiva, e tamén a Francisco Campos, presidente da ADFS Bueu, pola súa vida entregada ao deporte.
A gala foi presentada polo xornalista deportivo Fran Cañotas e contou coa música do grupo local Juyma Estévez Trío. Nela participaron os diversos clubs e entidades deportivas, así como familiares e amizades, e membros da corporación local bueuesa. Durante a súa intervención, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, destacou que “eles e elas son historia viva deste pobo, así que esta gala non deixa de ser máis que un pequeno recoñecemento ao enorme traballo que levan a cabo a diario dende os clubs e asociacións deportivas”.
Os gañadores e gañadoras, aos que se lles entregaron uns trofeos elaborados pola Asociación Juan XXIII, foron elixidos por un xurado composto por representantes da corporación municipal, que valoraron as propostas e os méritos das persoas nominadas por parte de cada club. Precisamente, a gran novidade foi que se tiveron en conta os méritos de tres tempadas, concretamente as que van dende o 2018 ao 2020, dado os efectos da pandemia.