O Concello de Bueu camiña cara á ampliación do Polígono Industrial de Castiñeiras
- O alcalde e o concelleiro de urbanismo reuníronse esta semana co responsable da iniciativa privada que busca a ampliación do parque, na que se informou do remate do prazo de exposición pública e dos seguintes pasos
A ampliación do Polígono Empresarial de Castiñeiras, no termo municipal de Bueu, será pronto unha realidade. Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, mantiveron esta semana un encontro cun representante da empresa Urben, consultora contratada polos empresarios e propietarios de terreos (Aprointer), que impulsan esta iniciativa, que permitirá que o parque industrial amplíe o solo para a instalación de máis naves para empresas. A xuntanza tivo lugar na Casa Consistorial e nela informouse do remate do período de exposición pública na fase de avaliación ambiental estratéxica e a valoración do informe ambiental estratéxico emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, cuxo resultado foi favorable e as comunicacións dos diversos organismos, tamén positivas. É necesario salientar que do resultado dese informe a Dirección Xeral acorda non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria o Proxecto, o que vai reducir os prazos de tramitación deste importante proxecto.
Nesta fase realizáronse consultas previas a organismos como a Dirección Xeral de Territorio e Urbanismo, o Instituto de Estudos do Territorio (IET), Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Axencia Galega de Infraestruturas, e cuxas observacións e suxestións deberán ser tidas en conta a hora de elaborar o proxecto.
Este proxecto desenvólvese en virtude das previsións do PXOM de Bueu, que incorporou as determinacións do PSOAEG (Plan Sectorial de Ordenación Areas Empresarias de Galicia). Os responsables do goberno municipal apoian este plan que ampliará os metros de aproveitamento industrial, ao tempo que será a oportunidade para ofrecer espazos de ocio e equipamentos que engadirán máis valor para a cidadanía. Así, a idea é que se habilite unha zona verde que rodearía todo o parque empresarial de sendeiros peonís e a recuperación de espazos xunto ao coñecido como Regato do Nocedo, así como algún miradoiro nas partes altas. Segundo avanzou o responsable de Urben, a idea é que en outubro se aprobe inicialmente o proxecto de interese autonómico, e despois será a aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia, polo que é probable que a mediados do próximo ano se poida xa iniciar o proxecto de compensación.
Desta xestión, o consistorio adquirirá parcelas de uso lucrativo, que se utilizarían para construción de naves ou outras dotacións, e que supoñerían arredor de 8.000 metros cadrados, cuxa maior parte se quere empregar para a agardada ampliación do cemiterio municipal. Así mesmo, existe outra parcela de arredor de 1.000 metros cadrados que se destinará a usos de carácter social. E o capítulo de infraestruturas de comunicación suporá outros 28.000 metros cadrados, entre viais que conectarán interiormente as parcelas e a reserva de estacionamentos (está previsto crear 614 prazas).
“Estamos moi ilusionados con esta iniciativa privada de ampliación do polígono, que apoiamos totalmente, pois sabemos do interese que teñen moitas empresas neste solo”, remarcan o alcalde e o concelleiro da área, quen salientan que con isto se demostra que Bueu conta coas garantías urbanísticas e xurídicas para realizar este tipo de investimentos. De feito, Castiñeiras é o único parque da comarca que está construído de forma legal e ordenada, e de aí que resulte atractivo para asentar negocios.