O Concello organiza un evento de promoción do ‘Polbo de Bueu’
- O evento constará dunhas xornadas sobre o polbo, que se celebrará este sábado no Estaleiro da Banda do Río, e dunha ruta gastronómica, que será á semana seguinte
O Estaleiro da Banda do Río, moi vinculado coa tradición mariñeira de Bueu, será o escenario elixido para as xornadas de promoción do Polbo de Bueu que organiza o Concello de Bueu coa colaboración da Confraría de Pescadores de Bueu. Tal e como apunta Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, “debido á Covid-19, é o segundo ano no que non podemos celebrar a tradicional Festa do Polbo, pero non queremos perder a oportunidade de poñer en valor o polbo, posto que é un dos noso produtos estrela”.
Co obxectivo de continuar a poñer en valor o polbo, o próximo sábado, 21 de agosto, terán lugar unhas xornadas que comezarán ás 11.30 h cunha conferencia a cargo de José Manuel Dopazo Entenza, filólogo bueués titulada “Polbo, un termo en discusión”, na que se falará sobre o significado da palabra ‘polbo’, seguido dunha mesa redonda sobre a pesca do polbo na que participarán José Manuel Rosas, patrón maior de Bueu, e Yaqui Lista, mariñeira de Camariñas. Esta mesa servirá para explicar as formas de captura deste cefalópodo nas diversas rías galegas. O acto estará conducido por X.H. Rivadulla Corcón, escritor e presentador galego, recoñecido por programas de contido mariñeiro como ‘O clan das mariñeiras’, ‘Pescadores de historias’, ‘Ribeiras de Salitre’ ou ‘Náufragos’ Ao remate, actuará o grupo Anda Roda, que tocará pezas tradicionais e vinculadas á Illa de Ons.
Estas xornadas continuarán o 27 de agosto cunha ruta gastronómica, na que se descubrirá a historia e os segredos do polbo, o Bueu mariñeiro, e rematarase coa degustación dunha tapa de polbo na Praza de Abastos. O custe desta actividade é de 6.00 € por persoa.
Para todas as actividades se respectarán as medidas Covid-19 e por iso é preciso que as persoas que desexen asistir se inscriban previamente a través dun formulario dende a web municipal.