O Concello continúa co ‘Concilia Bueu’ durante o mes de agosto
O Concello de Bueu continúa durante o mes de agosto co programa ‘Concilia Bueu’, unha iniciativa na que participan un cento de nenos e nenas 3 a 12 anos que goza de diversas actividades lúdicas e deportivas. Despois dun mes de xullo con xogos culturais dirixidos pola empresa de lecer Risotadas, o Bueu Atlético Balonmán será o encargado de impartir esta segunda fase na que a rapazada practicará diversas disciplinas deportivas e outras actividades durante as mañás de luns a venres en horario de 8 a 14 horas.
Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade e benestar social, e Xosé Leal, edil encargado da área de cultura e ensino, visitaron este xoves as instalacións nas que se están desenvolvendo as actividades: o exterior do Pavillón Municipal Pablo Herbello e do CEIP A Pedra, onde os nenos e nenas se dividiron en grupos reducidos para dar cumprimento aos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias para conter a Covid-19.
Este programa social, financiado integramente polo Concello de Bueu, ten por obxectivos favorecer a conciliación laboral e familiar, e ofrecer unha alternativa de lecer para as pequenas e pequenos despois do remate do curso escolar. Por iso, ao igual ca no pasado ano, o programa é de balde para as familias, asumindo o Concello a totalidade do custe do mesmo.