O Concello recibe ao alumnado do IES Johán Carballeira que realizou prácticas no estranxeiro
- Un grupo de seis rapaces e rapazas do centro bueués levaron a cabo prácticas de formación durante tres meses en países coma Malta, Rumanía ou Portugal
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este venres, 25 de xuño, un acto de recibimento a seis rapaces e rapazas do IES Johán Carballeira, que este curso participaron nas mobilidades europeas no marco do proxecto KA102 de Formación Profesional. Félix Juncal, alcalde de Bueu, deulles a benvida despois dunha experiencia de prácticas laborais en diversos países europeos durante tres meses, e fíxolles entrega dun lote de libros do Concello.
O rexedor felicitou ao alumnado “pois esta experiencia aportaravos unha parte fundamental no desenvolvemento académico e persoal”. Na mesma liña interviu Xosé Leal, concelleiro de cultura e ensino, quen apuntou que “son moi interesantes proxectos coma estes, que permiten adquirir coñecementos e ter contacto con outras realidades”.
Segundo apuntan dende o centro, participaron na iniciativa Santiago Rial Dorado, do CM de Soldadura, Ana Rosales Estévez, do CM de Estética, María del Rosario Rodal López, do CM Estética, Daira Najmias Nogueira, do CM de Estética, Alba Barreiro Leal, do CM Estética, e Mauro Pérez Veiga, da FPB Pesca. Os países que visitaron para realizar as súas estadías foron Malta, Rumanía e Portugal. A directora do IES Johán Carballeira, Asun Soñora, lembrou que este ano era o primeiro no que participaba alumnado de ciclos medios e de formación profesional básica, “unha experiencia exitosa a pesar da complexa situación vivida pola Covid-19”.
No acto tamén estiveron presentes Martín Villanueva, edil de urbanismo, e varias persoas do equipo directivo e dos programas de mobilidade internacional do instituto.