O Concello presenta á veciñanza o anteproxecto de mellora do vial provincial de Meiro
- A actuación permitirá a construción dunha senda peonil de 2,5 metros de largura coa que se mellorará a seguranza viaria
O vial provincial de Meiro converterase nunha estrada con senda peonil co fin de reducir a velocidade nun tramo de algo máis dun quilómetro. A veciñanza do lugar puido coñecer e propoñer suxestións sobre o anteproxecto que foi presentado este xoves nun acto celebrado na Casa da Aldea de Meiro por parte de Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, e Julio Villanueva, edil de facenda e veciñanza.
A idea é realizar unha actuación no primeiro tramo do vial, onde se concentra o maior núcleo poboacional, e que consistirá na construción dunha plataforma única para peóns e vehículos con pavimentos diferenciados, seguindo o exemplo do que xa se fixo na céntrica rúa A Pedra. Así, acometeríase o arranxo da estrada, á que se engadiría unha senda peonil de 2,5 metros de largura coa que se pretende reducir a velocidade, nunha franxa de 1,2 quilómetros, dende a intersección do vial de Meiro coa PO-551 ata as inmediacións da Casa da Aldea.
O goberno local estableceu as liñas de actuación deste proxecto “prioritario” que pretende mellorar a seguranza viaria, a accesibilidade das persoas, así como apostar por materiais tecnicamente máis amables e respectuosos co medio ambiente. Esas ideas contémplanse no anteproxecto que proporá unha senda peonil en sentido ascendente á marxe esquerda, mantendo os dous carrís de circulación. Ademais, na zona entre o lavadoiro de Fonte Outeiro e a Casa da Aldea de Meiro crearíase unha área de convivencia de 200 metros de lonxitude, na que as persoas terían preferencia.
Esta actuación levarase a cabo por parte da Deputación de Pontevedra e a intención do goberno local é que o proxecto estea aprobado no 2022 para acometer á maior brevidade, pasando este vial posteriormente a ser de titularidade municipal, como xa aconteceu co tramo que vai ata Ermelo. Asi, o Concello comprométese a renovar e modernizar a iluminación e a eliminar as barreiras arquitectónicas, para “facer de Meiro un lugar adaptado ás esixencias dos tempos que estamos a vivir”, salientou o alcalde.