Bueu compostou en 2020 máis de 100.528 quilogramos que supuxeron a eliminación de 77.295 quilogramos de emisións de dióxido de carbono á atmosfera
- Os 6.970 quilogramos de aceite permitiron que se deixasen de contaminar 7.667.000 de litros de auga con destino a depuradora
O departamento de Medio Ambiente fixo balance do tratamento de biorresiduos que leva a cabo na vila por medio da compostaxe e da recollida de aceites. No ano 2020 recolléronse un total de 107.498,5 quilogramos entre os composteiros colectivos e os individuais. O responsable da área, Xosé Leal, destaca que unha vez analizados os datos pola mestra composteira municipal esta concluíu que se conseguiron deixar de emitir á atmosfera 77.295 quilogramos de dióxido de carbono en canto ao proceso do plan RevitaBueu. No caso dos aceites evitouse a contaminación de 7.667.000 litros de auga que serían tratados na depuradora municipal cos 6.970 quilogramos recollidos.
O concelleiro nacionalista resalta que nun ano complexo coma este por mor da Covid-19 estamos a falar duns datos positivos en canto á compostaxe, xa que no caso dos composteiros comunitarios contamos tan só con dous centros en José María Estévez e na prolongación de Johan Carballeira. Nestes depositáronse un total de 30.456 quilogramos de biorresiduos dos que se obtiveron 16.178 litros de compost ao que puideron acceder as 110 persoas usuarias que se calcula participan desta iniciativa de xeito colectivo. Uns datos que para o concelleiro “ arroxan en canto aos obxectivos de redución de emisións de gases á atmosfera 23.704 quilogramos menos que reverten nunha maior calidade no aire, sendo un dato moi positivo para actuar localmente nun problema global”. Leal destaca tamén moi positivamente a compostaxe individual nos preto de 150 composteiros individuais que se teñen repartidos nos últimos anos co apoio do plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra e de Sogama por medio dos cales deberon tratarse 70.072,5 quilogramos tendo en conta os datos recollidos pola mestra composteira, que supuxeron 53.591,52 quilogramos de C02 menos na atmosfera, “co que o compromiso individual destas persoas debe ser aplaudido por toda a cidadanía, animando a máis xente a sumarse a estas iniciativas de tratamento do lixo”. Precisamente, o Concello como integrante da Mancomunidade do Morrazo recibiu subvencións tanto da Xunta coma do Estado para que “neste 2021 contemos con 300 composteiros máis individuais e dous máis comunitarios que reforzarán os centros urbanos de Beluso e Bueu, ademais de poñer en funcionamento a recollida porta a porta no sector da hostalería como produtor singular moi relevante na nosa vila”. Destaca o tamén concelleiro de Ensino que xa desde finais de 2020 a compostaxe está a funcionar nos centros educativos con depósitos de 800 litros nos colexios de A Pedra -que contará cun segundo dado o gran volume de lixo que se xera-, CPR Virxe Milagrosa e Beluso, estando pendente incorporar a Cela nos vindeiros meses, polo que está asegurado “o futuro da compostaxe xa que o alumnado ten un poder moi importante de influír e concienciar ás familias”. A maiores destas axudas, o Concello conta cunha mestra composteira, cuxa contratación está subvencionada pola Deputación de Pontevedra ao abeiro das «Subvencións aos concellos adheridos ao Plan Revitaliza para o nomeamento interino de mestras e mestres composteiros».
Pola súa banda, a recollida de aceites lévase a cabo nos depósitos de Bueu (Montero Ríos, Banda do Río, Pazos Fontenla, José María Estévez, avenida de Marín e Loureiro), Beluso (rúa Nova, Cabalo e Praia de Beluso) e Cela (Agrelo e fronte ao cemiterio no Igrexario) e lémbrase que debe facerse en botes de plástico de ata dous litros. A empresa encargada de tratar estes aceites e que ademais actúa nos restos que se xeran na Praza de Abastos, tiña comprometido a dotación de recipientes comunitarios para que a veciñanza do rural puidese levar aos locais municipais dos diferentes lugares, mais por mor da Covid-19 non se puido poñer en marcha esta cuestión que se volverá a abordar neste 2021.
Colectores e verteduras
Xosé Leal non esquece a importancia tamén de manter en boas condicións os colectores que xestiona Urbaser para a Mancomunidade, polo que está a elaborar un informe de deficiencias para remitir a presidencia e a propia empresa para que, ademais de intensificar os arranxos de pedais e tapas como reclama a veciñanza, se leve a cabo unha limpeza intensa e un acondicionamento dos lugares onde se atopan os diferentes colectores. Neste sentido tamén se están a concretar diferentes lugares en Bueu, Beluso e Cela onde se crearán xaulas para o depósito de restos vexetais co fin de evitar a súa presenza nos colectores. Neste aspecto tamén se instalarán nos vindeiros días carteis de advertencia de sanción de entre 750 e 3.000 euros ás persoas que provoquen verteduras no entorno das illas de lixo e que non teñan avisado a empresa do lixo para a súa recollida ou ben depositala no punto limpo comarcal.