Montserrat Torres Otero gaña o lote de libros do sorteo organizado polo Día das Bibliotecas
- O concelleiro de Patrimonio, Arquivo e Bibliotecas entregoulle o premio este martes nun pequeno acto celebrado na Casa do Concello
A veciña bueuesa Montserrat Torres Otero fíxose co lote de libros do sorteo organizado polo Concello de Bueu con motivo do Día das Bibliotecas, que se celebrou o pasado 24 de outubro. Precisamente, Alberto Moital, concelleiro de Patrimonio, Arquivo e Bibliotecas, foi o encargado de entregarlle o paquete composto por cinco libros nun pequeno acto que tivo lugar este martes no salón de plenos da Casa do Concello.
Dadas as actuais circunstancias provocadas pola Covid-19, o Concello puxo en marcha durante toda a semana pasada unha campaña en liña, a través da cal as persoas debían cubrir un formulario na páxina web con preguntas arredor das bibliotecas, e na que se contabilizaron trinta e seis participantes. Neste sentido, Moital salienta a boa acollida e o interese na campaña que tiña por obxectivo visibilizar as bibliotecas como espazos de coñecemento e contribuír á reflexión.
A gañadora leva para a súa casa cinco títulos sobre a historia da vila e algúns dos últimos gañadores do Premio Johán Carballeira de Poesía, que impulsa o Concello de Bueu. Así, O abecedario na maleta. Pequena biografía de Matilde Bares, é unha proposta dePolo Correo do Vento coas ilustracións de Tania Solla; Bueu Gozosos Anos 30, tamén destinado á rapazada, concíbese coma un pequeno libro ilustrado da man de Polo Correo do Vento, no que se lembran eses anos 30 do pasado século nos que a cultura viviu un momento álxido en Bueu; dente de leite é un poemario da ourensá Arancha Nogueira que se centra nas relacións entre a infancia e a idade adulta e o papel das nais dende unha ollada libre; Galicia en bus, de María Reimóndez, pola súa banda, rescata versos de denuncia social que se unen coa reflexión arredor do propio corpo; e Anagnórise é xa un clásico de María Victoria Moreno que se recomenda moito na adolescencia e que supón unha revolución lectora.