O Concello de Bueu duplica no mes de xullo a recollida de aceite usado
- Os 851,88 litros que se recolleron evitaron a contaminación de preto dun millón de litros de auga
- O departamento de medio ambiente continúa traballando para afianzar a recollida selectiva e incide na colaboración cidadá
O Concello de Bueu recolleu 851,88 litros de aceite usado nos contedores instalados nas diversas zonas da vila durante o pasado mes de xullo, unha cifra que evitou a contaminación de preto dun millón de litros de auga. Segundo salienta Xosé Leal, concelleiro de xestión de residuos e medio ambiente, “os litros recollidos van en constante aumento, pois son o dobre do mes de febreiro (450 l), e case o dobre de marzo (470 l) e xaneiro (510 l)”.
Os colectores de aceite usado instaláronse hai case un ano en once puntos da vila, concretamente, na rúa Xosé María Estévez, en Loureiro, na rúa Montero Ríos, en Agrelo, na Avda de Marín, na Banda do Río, en Pazos Fontenla, na praia de Beluso, na Rúa Nova de Arriba en Beluso, e ao carón do cemiterio de Cela. Desde a súa implantación, téñense recollido case 6.000 quilos, que permitiron evitar a contaminación de 6,5 millóns de auga.
Desde o departamento de medio ambiente municipal celébrase esta noticia, aínda que se continúa poñendo o foco na necesidade de concienciar á cidadanía, pois o aceite de cociña usado ten un poder contaminante 5.000 veces superior que a auga residual que circula polos sumidoiros e redes de saneamento.
Por iso se recomenda a toda a veciñanza que participe nesta iniciativa, para a que se deberá depositar o aceite sempre en botellas pechadas e dentro do interior do colector.
Dende a concellaría que dirixe Xosé Leal estase traballando en coordinación coa empresa concesionaria do servizo de lixo para afianzar a recollida selectiva. Así, lembrase aos comercios e locais de hostalería que actualmente teñen dispoñible un servizo para a recollida de cartón e papel comercial os luns e xoves de 19 a 20 h, ao que deben subscribirse no teléfono 900 725 425, co fin de evitar que se colapsen os contedores destinados ao conxunto da cidadanía.
Tamén se están realizando as xestións necesarias para a implantación da recollida selectiva porta a porta de biorresiduos para produtores singulares, principalmente locais de hostalería, que son os que maior cantidade producen. A idea que se baralla é recoller especificamente este lixo de cada local para despois levalo á planta de compostaxe da Mancomunidade.