O pobo de Bueu homenaxeou a Staffan Mörling na Semana da Cultura Mariñeira
O acto celebrouse este domingo no Estaleiro da Banda do Río ante a presenza dunha gran cantidade de público, e coa participación de Xurxo Souto e a Banda de Gaitas Manxadoira
O Concello de Bueu culminou o pasado domingo a Semana da Cultura Mariñeira cunha homenaxe a Staffan Mörling, coñecido como ‘o mozo sueco de Ons’, e que realizou un gran traballo investigador a prol das embarcacións tradicionais deste espazo. Así o lembraron Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura, no acto celebrado no Estaleiro da Banda do Río e ao que asistiron moitas persoas que valoran o traballo deste home que nos deixou hai unhas semanas.
Xurxo Souto actuou como mestre de cerimonias cun discurso no que falou de Mörling como unha persoa namorada de Ons e das súas xentes, que soubo describir o enorme patrimonio cultural e histórico desta comunidade á que, tamén, incrementou a autoestima. Souto lembrou aqueles anos nos que o sueco chegou a Ons e descubriu as dornas, unha experiencia que se uniu ao seu namoramento pola que despois foi a súa muller, a illá Josefa Otero. “O proxecto de Staffan Mörling foi pangalaico, percorreu todas as ribeiras, e aí reside a súa transcendencia e a súa posta en valor”, salientou Souto, quen tamén tivo palabras para a loita que na actualidade está levando a cabo a veciñanza da Illa pola defensa dos seus dereitos.
O acto estivo acompañado pola actuación da Banda de Gaitas Manxadoira, que puxeron o toque musical cunhas pezas de estilo mariñeiro. Así mesmo, aínda que a muller e o fillo de Mörling non puideron asistir debido á Covid-19, si que había entre o público familiares residentes na vila, ademais de xentes do mundo cultural e representantes políticos. O broche final púxoo Marcos Campos, director de Manxadoira, coa interpretación do himno sueco na gaita.